XAN SALGUEIRO - LALÍN
Cebada ao estilo tradicional durante meses, a quira botaba por riba dos douscentos quilos, segundo as estimacións dos máis entendidos entre a concorrencia. A súa impoñente presenza foi motivo de comentarios entre grolos de caña branca ou de herbas de participantes e visitantes. Inmovilizada no carro-altar por media ducia de axudantes, Santiago, o matachín, cumpriu con destreza o seu cometido e o animal "caeu á primeira". Logo, ao son da charanga Os Rápidos de Botos, seguiu o ritual: Recollida do sangue para as filloas, chamusco a base de carqueixas e lavado. Aberta en canal e separadas as distintas vísceras, a porca foi colgada. Loxicamente, dada a limitación temporal da actividade, non permaneceu así as horas de rigor para enfriar a carne, senón que de seguida foi baixada e convintemente despedazada para ser salgada. Como é costume, a carne servirá, máis adiante, de banquete a unha xuntanza dos veciños da Xesta.
Todas estas actividades tiveron lugar na eira da casa de Don Antonio, antiga casa escola e propiedade da familia Salgado y Novoa, desocupada no último medio século. Foi o seu arrendatario histórico o que a cedeu para escenificar un dos rituais con máis raigame da Galicia interior. A eira ficou por momentos pequena para acoller aos centos de visitantes –máis dun milleiro, segundo algunhas estimacións– que, ao longo da mañá, se foron achegando á Xesta. Aínda que a maior parte procedía da comarca, tamén houbo visitantes de Ourense, Vigo ou Salvaterra do Miño, amais dos participantes na concentración moteira que tivo lugar onte en Lalín. Tamén foi destacada a presenza mediática, que deu repercusión estatal ao evento a través do programa "España directo", de Televisión Española.
Uns e outros puideron ver distintos labores relacionados coa matanza e con esta época do ano, como a elaboración e o curado de chourizos, a coción de pan de trigo do país nun forno de leña artesanal ou a preparación de filloas –coas que mesmo se atreveu o alcalde, Xosé Crespo– e dun cocido. Rematadas estas tarefas, os organizadores amosábasen "contentos de como saiu todo" nos instantes previos ao multitudinario xantar. A carpa, con capacidade para 700 persoas, estivo repleta. Empanada da panadería da Xesta, orella de porco cocida, bolo preñado e torresmos conformaron un menú complementado con esquisitos postres caseiros. Máis de 1.500 filloas estiman que fixeron as mulleres da parroquia, xunto con centos de orellas, flores, rosquillas e melindres. Cándido Reboredo, alcalde de barrio, agradeceu a entrega veciñal na iniciativa, en especial das mulleres. O alcalde convidounos a todos a asistiren, nas primeiras filas, á gala da gastronomía, que retransmitirá a Televisión de Galicia desde Lalín o vindeiro venres e, como non, a participar na Feira do Cocido o domingo 7. O dúo Colores animou a tarde.