ALFONSO LOÑO - SILLEDA
A organización do Entroido da Bandeira presentou onte o amplo programa de actividades previsto para os días 12 e 13 de febreiro. Como novidade esta ano cabe destacar que será coordenado pola asociación Xenerais do Entroido e concurso de disfraces non contará cun único xurado, senón que todos os participantes poderán votar ao resto das persoas ou grupos que concorran. Pero a parte máis destacada se cabe serán os cinco rapaces e dúas rapazas que escenificarán un Alto dos Xenerais o día 13 ás 17.30 horas; media hora antes que o tradicional, no que tomarán parte oito persoas. Unha delas, o personaxe do Correo, estreará este ano un traxe elaborado polo xastre da Estrada Luis Montáns.
Anxo Lois, Brais Cangas e José Luis Blanco, membros da organización, presentaron onte no centro cultural Vista Alegre o programa de actos acompañados da concelleira de Cultura, Eva Lojo. Lois destacou que A Bandeira será o primeiro concello dos que celebran os entroidos da zona do Ulla na que se programe un "alto" con nenos tan pequenos, que están traballando nas súas arengas cun mestre do colexio público.
O Entroido na Bandeira arrancará o venres ás 11.30 horas cun desfile dos alumnos do colexio público polas rúas da vila, no que levarán os traxes que están elaborando dende hai semanas. Para as oito da tarde está prevista a "Gran Vellada", na que un remolque recorrerá a vila entregando filloas, chourizos e viño a veciños disfrazados, amenizada coa charanga Viño Blanco.
Ao día seguinte os interesados en participar no concurso de disfraces deberán inscribirse antes das 15.45 horas no auditorio. Ás 16.00 comezará o desfile conxunto desde o auditorio ata a Praza da Feira. O faio coñecerase de madrugada no pavillón de deportes, nunha festa amenizada polo Dúo Nebraska e o grupo Samil. As charangas, comparsas e carrozas deberán elexir a un representante para participar nas votacións, mentres que o resto poderán emitir o seu voto de xeito individual. Haberá 1.450 euros en metálico paras os grupos e un vale de compra de 100 euros e outro de 50 para os dous primeiros na categoría individual.
A organización agradeceu á edil de Cultura a colaboración prestada polo concello, pero Lojo evitou manifestar a cuantía económica que destinara o goberno para esta celebración tan representativa de Trasdeza.