Aínda que naceu en Vigo hai 32 anos, Juan Manuel Eiras Tojo sempre gardou un profundo vínculo coa terra do seu pai, Agolada, ata o punto de que este topónimo é o título da peza coa que quedou como finalista no segundo Certame de Composición na sección de bandas de música, por detrás de Antón Alcalde Rodríguez, que gañou o concurso con “Pórtico”.

-Era a primeira vez que se presentaba a un certame de música para bandas. Como valora a experiencia?

-Pois dun xeito moi positivo, porque son totalmente neófito neste aspecto. O que me impulsou a crear un tema para bandas foi que este tipo de música chega a moita máis xente e que ademais a orquestración cambia moito en comparación cun tema de música culta. Hoxe en día hai moitísimas bandas e tan só dúas orquestras, de xeito que a música culta chega con máis dificultades ao público. Neste sentido, quero destacar o traballo do director da Real Filharmonía de Galicia, Maximino Zumalabe, que se interesa moito polas composicións para bandas.

-”Auga Levada” estreouse o pasado 30 de decembro nun concerto no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e será un dos temas obrigados para o próximo Certame Galego de Bandas. Con que se atopará o público?

-Con nove minutos de músico no que se misturan dous mundos, o da miña infancia e o contemporáneo. Así, recurro ás miñas primeiras lembranzas de Agolada, onde adoitábamos pasar os verán e máis as festas de Nadal. Lembro cómo de neno acudíamos aos concertos da banda e de grupos folclóricos, así que misturo esta música de raíz cun estilo máis achegado á vangarda.

-Quizais algún día a Banda de Agolada toque este tema seu...

-Pois non o descarto. Insisto en que son un neófito neste campo, pero sei que esta formación ten xente moi nova e que ten colleitado varios éxitos nos certames aos que se presenta.

-Sen embargo, hai que aclarar que non é a primeira peza musical que lle adica á terra dos seus devanceiros.

-É certo, pois como compositor de música culta fixen “Enerxías renovables Op.2”, no que inclúo tres movementos que levan por título outros tantos topónimos agoladenses: As Brañas, Tras da Costa e Na Revolta. Co grupo Malvela tamén temos interpretado a “Xota para Agolada”.

-Vexo que a relación coa súa terra de orixe é moi intensa, aínda que sexa na distancia.

-Así é. O certo é que agora vou menos que cando era neno, sobre todo por motivos laborais, pero alí aínda viven o meu abó paterno e un tío, e é normal que garde as miñas raíces.

-Fala vostede de varias colaboracións con Malvela. Está máis centrado na música folclórica?

-Non, aínda que o certo é que con Malvela temos editado varios traballos como “O Aghinaldo” ou “Que o pano non me namora”. Outra formación coa que tamén teño traballado é Irtio, no disco “Mar de pedra” ou no décimo Certame galego de Música Folk.

-Vostede é compositor, produtor, arranxista e incluso músico. Con que se queda?

-Penso que son mellor compositor que instrumentista, máis que nada porque chega un momento na música, igual que en moitas profesións, tés que escoller. Eu comecei a estudar órgano aos cinco anos, aínda que despois tamén recibín clases de solfeo e de piano. Hoxe en día tamén teño coñecementos de acordeón e percusión.

-Con este excelente currículo, é evidente que a música xa pode considerarse unha profesión e non un hobby, nonsi?

-Dende logo,hai anos que a música xa é un traballo como outro calquera, co plus de que precisas moita mobilidade para formarte. Por iso, neste mundo é moi frecuente que os músicos teñamos que pasar tempadas noutras cidades como Zaragoza, Madrid ou Porto, que tén moi bo nivel, para continuar mellorando ao longo da vida.