ÁNGEL GRAÑA - LALÍN
O sacerdote Xesús Mato foi agasallado onte polo pobo de Lalín nun sinxelo pero emotivo acto que serviu, tamén, para inaugurar Forum Dezae, a nova aula cultural do Centro Comercial y de Ocio Haley. A mesa presidencial estivo composta por Julio López, presidente da comunidade de propietarios do Haley; o xornalista lucense Xulio Xiz; o alcalde de Paradela, Xosé Manuel Mato; Xosé Crespo, rexidor de Lalín; e o propio homenaxeado. A sociedade civil e militar lalinense contou cunha ampla representación entre as ateigadas localidades do recinto no día en que o “cura Mato” voltaba ao pobo onde se fixo como sacerdote.
Despois de escoitar as notas do himno de Lalín, López lembrou os “máis dun cento de amigos” co sacerdote aínda tiña en Lalín cedéndolle a palabra a Xulio Xiz, que calificou a Mato como “crego de cabeceira” da súa familia e pediulle a Alfonso Blanco Torrado, membro da Fundación Manuel María, que lembrase “a sementeira” feita polo sacerdote no Deza e na Terra Chá. O alcalde de Paradela, e parente do homenaxeado, calificou a don Xesús como “o faro da familia Mato” lembrando, tamén, os seus anos da nenez vividos como monaguillo na parroquia de Nosa Señora das Dores. O seu homónimo de Lalín, José Crespo, falou da “pegada importante” do cura na localidade onde é alcalde e fíxolle entrega dunha reproducción da igrexa parroquial lalinense, a segunda despois da que se realizou para o bispo Frei Xosé Gómez. Xesús Mato tamén recibiu unha imaxe mariana por parte dos membros de Forum Dezae cando rematou a intervención dun dos referentes culturais de Lalín na década dos setenta do século pasado.
Activista cultural
Xesús Mato foi o último en coller un micrófono con evidentes problemas de recollida. O sacerdote afirmou que “Lalín deume máis do que lle dín eu” e reivindicouse como un “activista cultural” nun local onde dixo estar “moi emocionado” polo feito de que unha grande superficie comercial teña un recuncho adicado á cultura. Mato lembrou anécdotas como a explicación do Concilio Vaticano II por parte de seglares de Lalín aos veciños e rematou as súas verbas entre bágoas e o aplauso dos presentes. Xosé Luís Rivas y Baldomero Iglesias (Mini e Mero), membros de Fuxan os Ventos e A Quenlla, puxeron música ao evento.