XAN SALGUEIRO - LALÍN
Onte, día de San Amaro, arrancou oficialmente o XII Mes do Cocido, coa participación de 29 restaurantes do concello, que totalizan 4.000 prazas. Cuns prezos que oscilan entre 12 e 45 euros, aínda que a maioría andan entre 20 e 30 euros, polos establecementos participantes pasarán deceas de milleiros de visitantes ata o vindeiro 14 de febreiro, en que se pecha a campaña, da que o eslogan reza un ano máis “De San Amaro a San Valentín, mes do cocido en Lalín”. Pero a temporada trascende estas datas, como apuntaba onte o propietario do restaurante Currás, onde tivo lugar o xantar da presentación: “O mes do cocido para min son seis meses”. José Antonio Currás valora a rendibilidade da iniciativa: “Aquí quedan ingresos millonarios, non só para a hostalería, senón para todo o mundo”.
O propio alcalde, Xosé Crespo, indicou que a maior parte dos restaurantes seguen ofrecendo cocidos “alomenos un mes máis” despois de terminar esta campaña. Tanto é así que aposta por ampliar a súa duración: “Se non chega o Mes do Cocido faremos o trimestre”, subliñou. E puxo como exemplo a Semana do Cocido que organiza en Madrid o restaurante Combarro, que, ante a demanda existente, duplicará a súa duración.
Currás foi o encargado de preparar un cocido con carne de porco celta, proporcionada pola asociación de criadores desta raza autóctona. Valorou positivamente as súas cualidades en canto a cocción e sabor –nesta última coincidiron o resto da vintena de comensais– e mesmo apostou por incorporala ao plato típico de Lalín: “Non estaría mal que se introducira, sempre que sexa ben afumada”, posto que, como apuntou o tamén restaurador José Luis Iglesias, os dezaos están acostumados aos tres sistemas de conservación da carne: sal, frío e fume, dada a alta humidade da zona. O xantar estivo regado con mencía Abadía da Cova, bodega que doa este ano o viño para os actos oficiais da Feira do Cocido.
Bo para o colesterol
Pola súa banda, Carril e mailo vicepresidente de Asoporcel, José Balboa, apostaron pola introducción en Lalín do que sempre fora coñecido coma “porco do país”. De feito, José Antonio Carril ofrecerá charlas en distintas parroquias nos vindeiros meses para captar a posibles interesados nesta crianza, que se fai en fincas ao aire libre. Indicou que sacrificios feitos en Guijuelo (Salamanca) e Extremadura demostraron que os perfís de calidade do porco celta son similares aos do ibérico. A súa carne é rica en “ácidos grasos insaturados”, polo que, a diferenza doutras razas porcinas e en contra da crenza xeral, mesmo “axudan a regular o colesterol malo”.