ÁNGEL GRAÑA - LALÍN
O Forum Dezae de Lalín estréase esta tarde, a partir das 20.30 horas, coa presentación do libro “Mato sono io” no que un centenar de amigos do sacerdote Xesús Mato lle renden unha homenaxe. Fundador da Coral Polifónica de Lalín, Radio Lalín ou dinamizador de Cáritas, Mato é considerado polo xornalista lalinense Ricardo Couto como “o principio da revolución industrial de Lalín” nos anos 60 do pasado século. Xornalista e músico, o sacerdote Xesús Mato é unha figura imprescindible da historia recente da cabeceira comarcal dezá.
–Agardaba unha homenaxe como a que vai recibir en Lalín?
–Isto vén de moi atrás. Cando marchei de Lalín varios amigos xa quixeron facer unha especie de banquete comunitario, pero eu non quixen nada. Agora resulta que outro grupo de amigos fixeron un libro onde son suxeito pasivo e gozoso, e a raíz diso parece que queren facerme algo. Non sei o que é. Dixéronme que me deixara querer e que estivera alí. Así o farei.
–Cómo lembra os anos que foi cura nas terras de Deza?
–O Lalín de entón non ten nada que ver co de agora. Daquela non chegabamos a 3.000 habitantes xuntando Donramiro, Donsión e Lalín de Arriba. O certo é que me fixen sacerdote en Lalín en todos os sentidos. Estaba aberto a todas as novidades que chegaban de fóra. En Lalín sabían que fun director da Escola Cantorum de Lugo e pronto me propuxeron montar algo parecido. Foi todo un reto montar unha coral no Casino de Lalín a finais de 1958, pero tamén moi gratificante.
–Teño entendido que A Voz do Deza foi unha emisora de radio moi peculiar.
–Foi a primeira emisora parroquial de toda Galicia. Tiven que contravir a lei para poder poñerlle ese nome porque entón tiña que chamarse Ondas Populares. O equipo emisor estaba na miña habitación. Comezou sendo todo moi caseiro, emitindo ao principio a misa e pouco máis. Despois pasamos a ter tres horas de programación con informativos locais e programas de todo tipo. Lembro con moito cariño as “Cousas e Contos” do tío Xanete, un programa que tiña moita aceptación entre a xente. Tamén fixemos festivais polas parroquias cando a orquesta Caracas voltou da emigración. En fin, foi unha experiencia pioneira nun tempo diferente ao actual.
–Supoño que tamén debeu ser moi especial formar parte do nacemento de Fuxan os Ventos e A Quenlla.
–Iso segue vivo aínda. A década dos setenta foi unha década prodixiosa en todos os sentidos. Tivemos que facer moitas trampas para pasar as letras de Fuxan os Ventos na súa primeira época. A min tocoume facer os arranxos de cancións populares cando naceu o grupo, no ano 1972.
–Coido que o título do libro que se presenta en Lalín ten que ver cunha anécdota súa en Roma, non é?
–É certo. Foi algo que sucedeu hai anos na capital italiana. Fomos alí cunha excursión, e cando estabamos nun local alguén preguntou dende a porta quen era Mato. O meu apelido en italiano sinifica “tolo” e, mentras todo o mundo quedaba calado mirando para o que preguntaba, eu dixen “Mato sono io”. Algúns dos que escribiron o libro estaban presentes cando sucedeu e supoño que se lembran desa anécdota.
–Segue exercendo o sacerdocio con máis de 70 anos e permanece activo tanto no xornalismo como na música. Non pensa en xubilarse?
–Nunca me xubilarei. Penso que a cabeza non convén parala. Dirixo o Orfeón Lucense, colaboro en programas de radio e escribo semanalmente en xornais, así que non quero parar. É moi bo seguir en activo porque a idade é o de menos.
–Onde desempeña agora o seu labor sacerdotal?
–Levo cinco parroquias en Pedrafita do Cebreiro e outra no Courel. Son sitios moi fermosos pero cunha importante despoboación que está deixando as aldeas sen xente. Síntome a gusto en todas elas, aínda que penso que habería que facer algo para evitar que, sobre todo a xente nova, marche da súa terra dun xeito tan numeroso.
–Por qué deixou unha emisora tan emblemática de Cope en Galicia como a de Lugo?
–Marchei da Cope en 1983, con pleito incluido, porque non estaba nin estou dacordo coa nova orientación que se lle deu. Penso que a actual cadea non ten nada do antigo espírito co que naceu. Non foi nada fácil deixar unha casa onde hai anos se facían cousas moi interesantes. Tiña un programa chamado “O anxeliño” que, modestia aparte, non estaba nada mal. Conservo aínda a amizade con todos os que traballei, e iso é o máis importante.
–Algúns seguro que estarán en Lalín na inauguración do Forum Dezae coa presentación do libro adicado á súa vida.
–Iso espero. Será moi especial poder voltar a estar coa xente que forma parte das miñas lembranzas dunha época na que todos eramos máis xóvenes e tiñamos unhas inquedanzas culturais e profesionais importantes.