|
|
|
HEMEROTECA » |
|
ÁNGEL GRAÑA / RODEIRO A súa actuación o domingo en Rodeiro non pasou desapercibida para ninguén. Acompañada por Iago Mouriño, Begoña Lorenzo ofreceu dúas breves pezas tradicionais que gustaron moito aos presentes no Centro Cultural Manuel Lamazares. Posúe unha voz privilexiada que lle permite interpretar sons de diversas procedencias.
–Cómo se sentiu na súa terra no concerto do domingo?
–Moi a gusto, como sempre que poido cantar. Fixemos dúas cancións nada máis porque a verdadeira protagonista da noite foi a Coral Polifónica de Rodeiro.
–É licenciada en Historia da Arte, quédanlle dúas asignaturas para rematar Xornalismo e, ademáis, canta. Qué lle gusta máis?
–Sempre digo que nunca renunciarei a ningunha das tres actividades. Pero, se teño que ser sincera, a música é o que máis me enche polo de agora.
–Hai algunha explicación científica para xustifica a boa canteira de músicos en xeral dentro da comarca de Deza?
–Ter conservatorio e banda en Lalín fai que os rapaces se apunten á música, e iso é moi importante. Eu mesma formeime no conservatorio lalinense porque en Rodeiro a relación coa música é distinta (risas). Ter moitos grupos de gaitas tamén axuda para que os máis cativos estén afeitos dende cedo á música en xeral.
–Por qué prefire a canción tradicional galega a outras modalidades musicais?
–Sempre me gustou. Síntome ben cantando canción galega e penso que algo moi agarimoso á hora de interpretala.
–Xa está todo cantado ou resta algo por descubrir?
–Penso que aínda resta por investigar na canción popular galega porque é algo moi vivo. Supoño que pasará moito tempo antes de que poidamos asegurar que xa temos todo interpretado.
–A que se debe esa preponderancia das voces femininas no eido da canción popular?
–Home, tamén hai moi boas voces masculinas no actual panorama galego da canción tradicional. Sí que é certo que semella que as mulleres somos maioría. O feito de que as mulleres colleran a pandeireta e os homes a gaita derivounas cara o canto. Supoño que tamén terá que ver coa suposta sensibilidade feminina que din que temos.
–Ten algunha meta no senso de profesionalizarse?
–É moi complicado tentar vivir da música. O meu único obxectivo é seguir cantando porque desfruto moitísimo facéndoo. A verdade é que non teño ningunha meta profesional marcada porque, como xa dixen, está a cousa moi difícil.
–O domingo acompañouna Iago Mouriño. Qué lle parecen os músicos cos que actúa de cando en vez?
–Son moi afortunada. Sempre digo que teño a gran sorte de poder cantar con músicos de primeira fila. É un prezo que nunca poderei pagar, porque se trata dunha serie de intérpretes de moita categoría. Ademais, tocar e traballar con todos eles fai moito máis doada a miña tarefa. De verdade, é todo un privilexio estar rodeada de xente coma Iago e outros compañeiros da comarca.
–Hai algún proxecto de gravación para un futuro próximo?
–Pois non, non hai nada. Teño que poñerme con elo porque é algo que aínda non me plantexei en serio. A ver se agora que vou librarme de estudiar (risas) saco tempo para ver se hai a posibilidade de facer algún disco. Tampouco teño presa porque estas cousas, moitas veces, non son como ti queres se non como xurden.
–Haberá que agardar a que alguén se fixe na voz de Begoña Lorenzo ...
–Supoño que sí (risas). Espero que non pase demasiado tempo para iso.
|
|
| CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
|
||||||||