|
|
|
HEMEROTECA » |
|
SALOMÉ SOUTELO /SILLEDA A última edición do Certame Galego de Novos Creadores, tamén chamado GZ Crea, outorgou o primeiro premio na categoría de teatro ao grupo Tangatutanga, que foi creado hai 10 anos e que na actualidade conta con 13 compoñentes, entre os que figura Inés Colmeiro, nacida na localidade silledense da Bandeira hai 30 anos. O grupo recibiu o galardón pola obra “Aberto por folga. Cabaré laboral”.
–A primeira pregunta é case obrigada. Por que este nome para un grupo?
–Pois contrariamente ao que todo o mundo pensa, Tangatutanga non se refire a ningunha clase de roupa interior, senón que é unha palabra do dialecto lari, do Congo, que significa “algo que contar”. O grupo fundouse hai 10 anos e daquelas un dos membros era congoleño e propuxo este nome, que foi o que se adoptou porque aporta esa profundidade do que queremos transmitir co teatro.
–Vostede incorporouse a Tangatutanga hai 8 anos, dous despois de que comezase a andar. Cre que cada vez hai máis xente que acode ao teatro, ou éste segue sendo o irmán pequeno do cine?
– Penso que o teatro tén avanzado moito e que cada vez se fan máis cousas. Ou alomenos iso é o que ocorre grazas á Mostra de Teatro Universitario, ás representacións que se fan mediante contratos cos concellos ou, tamén, grazas ao certame GZ Crea. Penso que cada vez acode máis público por esta difusión, e que tamén hai máis espazo teatral para todas as creacións, pois proliferan os grupos de teatro afeccionados que, ademais, fan funcións máis asequibles. De feito, dende Tangatutanga xa nos puxemos en contacto co Concello de Lalín para facer alí algunhas representacións.
–Teño entendido que comezou moi cedo sobre as táboas, a pesar de que co tempo a súa vida profesional ía estar moi ligada ao mundo audiovisual.
–Pois si, si que levo tempo no escenario. Comezaría a facer teatro aos sete ou oito anos, e por envidia dunha amiga. A nena en cuestión e eu éramos compañeiras dende os catro anos, e lembro que, cando a vin nunha actuación en segundo de EXB, decidín que eu tamén quería facer algo similar. Foi así como comezou unha intensa e longa relación con esta maneira de contar historias.
“O cabaré esixe un traballo moi completo”
–O premio GZ Crea foilles concedido por “Aberto por folga. Cabaré laboral”. De que vai esta peza?
–A obra aborda o tema das relacións laborais na persoa do único actor que temos no grupo –hai outro home, o director musical, así que o resto somos mulleres–. O protagonista acaba de graduarse e pasa por unha serie de vivencias do mundo laboral, como as xerarquías, o tratamento cos xefes ou o trato ao cliente e as respostas deste. Pre-estreouse en marzo deste ano a petición dunha asociación de mulleres de Santiago e, xa na súa estrea na Mostra de Teatro Universitario, gañou o premio á mellor dirección (de Beatriz Bravo) e tamén á montaxe.
–Se son 12 actrices e un actor, alguén incluso poderá pensar que ironizan sobre o machismo.
–Non, neste caso non falamos de machismo, aínda que noutras obras si. O que tratamos é de narrar un tema cun xénero moi completo. Hai que pensar que o cabaré esíxelle ao actor un traballo moi completo porque tés que dominar outras especialidades como danza ou canto. En Tangatutanga, é a segunda vez que optamos por este xénero que imos combinando con outras opcións máis clásicas. De feito, no curriculum do grupo figuran representacións de Shakespeare ou de Oscar Wilde. O bo das pezas destes dramaturgos é que che permiten traballar, como actor, un personaxe en profundidade.
|
|
| CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
|
||||||||