XAN SALGUEIRO - LALÍN
Ducias de persoas, principalmente de Deza e Tabeirós, acudiron onte ao acto de lembranza de Manuel Daniel Varela Buxán organizado polo departamento de Cultura do Concello de Lalín. Entre os asistentes á homenaxe estiveron o alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, ou concelleiros coma Paz Pérez ou Marta Lázara. Tamén estivo o novo responsable provincial de Portos, Cristóbal Fernández, e maila súa dona, Isabel Couso, diretora do centro escolar de Cercio que leva o nome do autor de "Se o sei... non volvo á casa" ou "Taberna sen dono", dúas das súas obras máis exitosas entre o público de Bos Aires, compartindo cartel con "Os vellos non deben namorarse", de Castelao. Na cidade austral permaneceu emigrado desde 1930 ata 1950, e onde casou con Maruxa Villanueva.
O prólogo correu a cargo da concelleira Nuria Rodríguez Carral e dos escritores Daniel González Alén, un dos cronistas oficiosos de Lalín, e Xosé Vázquez Pintor. Os tres fixeron unha semblanza do escritor nacido nas terras estradenses de Lamas o 2 de marzo de 1909 e finado na parroquia lalinense de Cercio o 25 de setembro de 1986.
"Salaios dun vello labrego", obra do homenaxeado, considerado "patriarca do teatro galego", foi a peza interpretada polo grupo de teatro Os Abrentiños, do Foxo (A Estrada), na súa memoria. A dirección púxoa Xosé Luna Sanmartín, mentres que a interpretación estivo a cargo de Estela Martínez e Miguel Otero.
A proxección do documental da serie "Galegos", da Televisión de Galicia (TVG), dedicado á Varela Buxán serviu de colofón ao acto. Na película, producida por Tranquilo Producciones de Arxentina e Off Films de Galicia, interveñen, por orde de aparición: Paco Lareo (pintor e escultor de Piloño), Pablo Corlero (xornalista arxentino), Valentín García (normalizador lingüístico do Concello da Estrada), Rómulo Berruti (crítico arxentino), Manuel Méndez (sobriño político de Varela Buxán) e o xa citado Vázquez Pintor. A proxección deste filme tivo unha especial importancia, dadas as dificultades para encontralo. Neste labor foi vital a colaboración da TVG.