ANA CELA - A ESTRADA
Á hora de pórse a escribir, o gañador da última edición do Premio Manuel García Barros da Estrada ten moi claro que a historia ten que engaiolar ao lector dende a primeira páxina. Descubrir segredos e vidas que non se sospeitan son as súas claves, un ingrediente que non falta na obra que hoxe o converterá en protagonista do acto que se celebrará ás 20.00 horas no Teatro Principal.
–Case é obrigado preguntar como senta recibir un premio como o Manuel García Barros...
–Foi unha gran alegría porque cando un se presenta a un premio sempre é coa idea de poder gañalo, pero tamén hai que ser realista e saber que tes unha competencia moi grande doutros autores que teñen a mesma idea ca ti. Entón, sempre é unha pequena sorpresa dentro dese contexto.
– Era a primeira vez?
–Ao “García Barros” si. Gañara o “Blanco Amor” coa miña primeira novela e esta era a primeira ao “García Barros”.
–Como valora o alcance deste premio literario?
–Non vou a descubrir nada. Creo que é un dos tres ou catro grandes premios que hai en novela en Galicia. Leva unha traxectoria bastante consolidada. Despois a importancia dos premios tamén a fan as obras premiadas, tendo claro que o que conta é a novela. Pode ser que reciba un premio pero se a novela logo non cumpre as expectativas iso non vai significar nada. Pero en canto ao que é o premio, creo que leva unha traxectoria de premiar a novelas importantes. Non hai máis que ver o historial deste premio para ver todo o que se premiou e creo que son novelas importantes para a literatura galega.
–Que pensa que pode ter esta novela para sair elexida entre as case 30 aspirantes deste ano?
–Eu non sei as outras novelas como eran, quen o sabe é o xurado. Podo dicir da miña que está estruturada en torno a unha trama de intriga en torno a un desfalco bancario de grandes proporcións. Nesa trama hai unha serie de temas actuais moitos deles, pura casualidade porque eu cando empecei a escribir a novela non pensaba para nada que tiveran tanta actualidade os temas económicos como a que adquiriron despois. E, por outro lado, hai un intentar enganchar ao lector. O que me interesaba ante todo era que o lector se enganchara a unha trama que despois ten unhas lecturas que algún lectores non farán ou lles interesarán menos, pero a outros lectores si lles interesarán esas outras lecturas e visións que hai na novela.
–Cales diría que son as súas claves?
–Un tamén está moi condicionado polo tipo de novelas que lle gustan. A min as novelas que me gustan son as que enganchan dende a primeira páxina pero que tamén me digan algo. Creo que as dúas cousas se poden e se deben combinar. Cando un empeza a ler unha novela, ademais de engancharse, tamén quere coñecer unha visión diferente da realidade que se decribe. Iso é o que pretendo á hora de escribir e o que pretendín dende logo nesta novela: dar miña visión persoal sobre a realidade que describo pero que esa realidade sexa algo que ao lector lle interese dende a primeira páxina e que vaia enganchado ás diferentes sorpresas que se van producindo en toda a trama.
–Calidade literaria, fácil lectura e para un público moi amplo. Foron algúns dos atributos que destacou o xurado. Coincide?
–Dende logo gustaríame coincidir plenamente (Risas). A novela está feita para enganchar a todo tipo de lectores, iso si é certo. Interésame que o lector empece a ler e se prenda como se prende noutros libros de intriga. Se o conseguiu ou non, veremos como reaccionan os lectores e serán eles os que teñan a última palabra.
–Dende neno amosou paixón pola escrita e con 20 anos escribiu a súa primeira novela, que non chegaría a ver a luz...
-Non. Un cando escribe, sobre todo a esas idades cando non se ten moi perfilada unha voz propia… No fondo un escritor o que ten que ter é unha voz propia, un estilo propio. Se non a ten o que escribe non ten interese ningún, porque son copias, repeticións… Soa falso. Para que nos creamos unha novela como lectores temos que percibir que hai unha voz detrás. Esa voz o escritor tarda moito tempo en conseguila. Hai escritores que a consiguen máis cedo, pero tárdase tempo. Cando se teñen eses anos un parécelle que aquelo que escribiu é extraordinario e, deixándoo repousar, e despois cando se mira coa perspectiva do tempo dase conta de que aquelo realmente non responde para nada a un estilo persoal de narrar e o que hai é que destruilo. No meu caso foi o que fixen.
–Foi pasto do lume.
–Si. Na casa na que vivía había unha cociña de ferro e alí foi.
–Depois chegarían “As voces da noticia”, “Esta historia” ou “Noite de velorio”. Como foi a evolución de Xosé Monteagudo como novelista?
–Ao longo da obra publicada sempre tiven claro, antes de empezar xa a publicar, que unha novela é un artefacto que debe atraer ao lector, fundamentalmente. As miñas estructuras de novela son estructuras de investigación. Sempre hai un misterio que desvelar, un segredo que descubrir. Os personaxes teñen unha vida aparente, unha vida que se percibe, pero detrás hai outra vida que me interesa descubrir nas novelas. Tanto a primeira, como a segunda, como moito máis esta terceira, tentan descubrir a outra cara da realidade. Diso creo que tratarán sempre as miñas novelas, de descubrir segredos, descubrir vidas que non se sospeitan.