REDACCIÓN - VILA DE CRUCES
"A princesa de Taramundi" é o título da obra máis valorada polo xurado do V Premio Arume de poesía para nenos, que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas, de Gres (Vila de Cruces). O traballo resultou ser da autoría de Xoán Babarro González, escritor ourensán de recoñecido prestixio no ámbito das letras galegas. Nado en Calvelo de Maceda en 1947, é catedrático de lingua e literatura galega, ademais de importante creador de literatura infantil, autor de teatro e de ensaio. Precisamente, unha peza lírica para nenos, "Mouchiño Mou" (Galaxia, 2007), é unha das súas últimas publicacións.
O xurado, reunido o pasado mércores na fundación de Gres, quixo destacar que se trata "dunha poesía fresca e orixinal, moi relacionada coa natureza e co medio xeográfico". "É unha poesía do galego estremeiro, e, dende o punto de vista léxico, utiliza dialectalismos do galego oriental", afirma o tribunal. Non en van, Babarro é autor de traballos sobre o galego na fronteira con Asturias, nas terras do Navia-Eo. "A métrica e as estrofas son moi variadas, e xoga coas onomatopeas e cos recursos gráficos para facer os poemas máis atractivos para nenos e nenas", conclúe o xurado, que estivo composto por Neira Vilas, Valentín García Gómez, Xoán Andrés Fernández Castro e Luis Reimóndez Fernández.
O tribunal, dado o magnífico nivel contido nos poemarios presentados, acordou tamén conceder dúas mencións de honra que serán entregadas a título extraordinario, pola calidade das obras presentadas, a Rosalía Morlán Viéitez, por "A coitada lúa", e María Canosa Blanco, por "A porta dos soños".
O galardón está dotado con 1.000 euros e a publicación da obra gañadora. A entrega será o domingo 13 de decembro nun acto público na sé da fundación Neira Vilas, coa asistencia prevista do autor de "Memorias dun neno labrego"; o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero Varela; e mailo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, como representantes das entidades patrocinadoras do premio.