SALOMÉ SOUTELO - VILA DE CRUCES
O pasado verán, Cristina Gende puxo en marcha unha actividade formativa na comarca mediante a que fomentaba a posta en marcha da silvicultura e novas xestións do monte. Esta iniciativa ía vinculada a un estudo técnico no que se analiza a produción de cortiza nos sobreirais de Agolada, Lalín, Silleda e Vila de Cruces, onde Gende tén o despacho da súa empresa, Moar.
–Canto poden chegar a producir, anualmente, as sobreiras dezás?
–O certo é que non existen cifras concretas sobre a produción, de maneira que non sabemos cánto se está extraendo. No noso estudo calcúlase que as árbores da comarca poden proporcionar unhas 200 toneladas anuais de cortiza. A falla de datos débese a que esta actividade non está regulada e a que moitas das sobreiras pertencen a particulares. Por iso, danse casos como o de Agolada, no que recentemente unha empresa non respectou os ciclos de descortizamento de nove anos que se marcan para cada árbores, e entrou a retirar o produto antes de tempo. Ademais, esta carencia de normas leva consigo que os sobreirais non estén revalorizados. Por iso, moitas veces, as concentracións parcelarias motiva que se talen especies aínda produtivas, porque este feito non está prohibido ou porque os donos da antiga parcela, antes de perder a titulariedade, prefiren retirar toda a leña antes de que o predio pase a outras mans.
–É preciso que se descortice unha árbore para mellorar o seu estado?
–En absoluto. De feito, unha sobreira que se someta a este proceso pode vivir como moito uns 180 anos, pero aguantará moito máis se non se lle retira a cortiza. Os únicos coidados que precisan as sobreiras é ter un fuste limpo e sen pólas, para favorecer a retirada da casca. É algo que aquí en Galicia non adoita facerse, pero si noutras zonas con maior produción, como Extremadura.
–Cal adoita ser o destino da cortiza que se produce en Deza?
–Adícase á actividade taponeira e, sobre todo, á trituración para aglomerado. Co tempo vai variando o seu destino. Así, se antes en Vila de Cruces a miña avoa aínda lembra cómo se facían colchóns e almofadas de cortiza, agora xa é unha utilizada case esquecida, como os cobertizos para as abellas. Por contra, estanse abrindo novos nichos de mercado, como o granulado de corcho para a bioconstrución, dado que a cortiza é un material tan estable como duradeiro.
–Poden contemplarse os sobreirais tamén como elementos turísticos?
–Si, e incluso como revalorizadores do monte. Estas árbores danse espontáneamente na comarca e teñen un gran valor ecolóxico, que colectivos como Naturviva se encargan de promover. Por iso sería moi interesante que os propietarios se mancomunaran para controlar a súa xestión e tamén a limpeza dos montes.