SALOMÉ SOUTELO - RODEIRO
"Cando se modernizou o transporte, os meus familiares decidiron deixar o negocio, e foi así como rematou unha tradición de arrieiros na familia". Así explica Jesús Fernández Diéguez a fin dunha profesión, a de arrieiro ou vendedor de viño, que ocupou ao seu bisavó, ao avó e ao pai. Ao longo de todo o ano, os homes desta familia de San Salvador, en Rodeiro, desprazábanse ata Belesar Vello, en Chantada, para mercar viño tinto e augardente que despois eran almacenados na vivenda e vendido nas feiras de Río ou Monterroso, así como a clientes de Palas de Rei e Castro de Amarante.
Daquelas o transporte facíase en mulas, polo que cumprían dous días de viaxe. "A noite pasábana na Casa do Carrera, en Chantada, onde había ademais comida para os sete ou oito animais dos que dispoñíamos". Os arrieiros durmían no chan, ao pé das mulas e tapados cun cobertor. No percorrido de volta, cada animal podía cargar con dous pelexos, uns recipientes semellantes ás botas e feitos en pel de cabra, nunha única peza, tratados cunha graxa especial e pechados cunha cinta de coiro. Cada pelexo tiña unha capacidade de entre 50 e 60 litros polo que, cando os antergos de Jesús Fernández chegaban ao seu almacén –no que agora se levanta o aloxamento de turismo rural Casa Taberneiro–, o viño mantíñase nestes pelexos e para, venderse, trasvasábase a outros de menor tamaño ou a garrafóns. "Meu bisavó comezara co negocio porque na zona había pouco viño, e contaba cunha rede fixa de clientes", lembra Jesús. Pero co paso do tempo a ruta deixou de ser rentable e, xa en tempos de seu pai, hai uns 40 anos, decidiron pechar o negocio. As mulas trocáronse por coches, pero a familia decidiu non seguir coa ruta, a pesares de que nunca sufriran asaltos nas numerosas veces que cubriron un traxecto de máis de 20 quilómetros. "Eu nunca lles oín a meu bisavó ou ao meu avó que fosen armados. O único que levaban, a maiores das mulas e dos pelexos, era unha bota de viño para ir invitando á xente que atopaban traballando nas fincas", lembra Jesús. Aínda que a ruta de Belesar Vello era a máis frecuente na súa familia, apunta que tamén se abastecían de viño noutros puntos de Chantada, así como nos Peares ou en Carballiño, a onde acudían con moita menos asiduidade.
Curiosamente, a familia nunca pensou en poñer unha taberna. "Funcionaba só como un almacén, e coma éste había outros en Carboentes ou en Río". Pero si tivo algo que ver coa iniciativa dos Cabaleiros do Faro, pois o propio Jesús xa tiña falado con dous curmáns para poñer en marcha unha Festa dos Arrieiros nos que se lembrase o traballo e, sobre todo, as camiñatas, destes vendedores.