REDACCIÓN - SILLEDA
Cinco quilogramos pesa o cogomelo encontrado pola familia Grela na súa propiedade de Moalde e exposto durante esta fin de semana na Casa da Cultura de Silleda. O exemplar é unha Calvatia gigantea, ou peido de lobo, e desenvolveu o seu descomunal tamaño en só oito días, segundo comentan Engracia Feijoo e Pili Grela, que lle presentaron onte o seu achado á concelleira de Cultura de Silleda, Eva Lojo. Este descubrimento prodúcese un par de días despois de que en Rodeiro aparecese outro tipo de cogomelo de 1,4 quilogramos.
Logo de consultaren co biólogo local Rosendo Estévez e saberen que é unha especie comestible, Engracia e Pili sinalaron que degustarán o cogomelo en familia, logo deste fin de semana de exhibición. Os expertos recomendan comelo fritido. A súa carne desta especie é branca cando é xoven, momento no que é comestible, mentres que ao madurar se converte nunha masa de pó –daí o seu apelativo común– verde-amarelo antes de tornarse definitivamente marrón. Aparece sobre herba en campos, prados e xardíns, e fructifica durante o outono e mesmo tamén no verán.