José Luis Vila - Presidente da Asociación de Empresarios do Deza (AED)

"Quero solo industrial en Lalín cando se saia da crise, e por este camiño non o vai haber"

"Non hai nada orzamentado para a rebaixa da AP-53 ata 2013 e síntome decepcionado; pensaba que era a curto prazo"

 
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto
José Luis Vila, nun despacho da sé da patronal dezá en Lalín
José Luis Vila, nun despacho da sé da patronal dezá en Lalín Bernabé/Javier Lalín

DANIEL FERNÁNDEZ - LALÍN O presidente da Asociación de Empresarios de Deza (AED), José Luis Vila, amósase razoablemente preocupado polo tecido industrial da bisbarra neste marco de crise, que xa se prolonga por ano e medio, pero ao tempo é optimista pola fortaleza e calidade dos seus afiliados.

–É obrigado preguntarlle na actual situación de crise pola situación xeral do sector industrial na comarca...

–Estamos máis ou menos coma noutros lados, aínda que a crise está pegando moi forte agora nesta zona porque tamén tardou máis en chegar. Sobre todo afecta á construcción e ao textil, pero acábase notando no comercio, na hostalería...

–Precisamente neses dous sectores é onde se rexistran despidos, EREs, procesos concursais... É aí onde está a raigame da crise na comarca?

–Aquí as empresas estaban moi relacionadas coa construcción e cando vía como ía a crise noutras partes xa me temía o que podía pasar... e ao final chegou. Eso si, a vantaxe que hai en Lalín radica en que estas empresas móvense por toda Galicia e por iso moitas pequenas están aguantando sen problemas. O feito fundamental da crise no Deza estriba na dependencia da construcción e que o segundo soldo que entraba en moitas familias procedía do textil.

–Cre que despois desta crise o sector da construcción vai volver aos niveis de antano?

–Construír ao ritmo de ata agora creo que será imposible. Pero creo que todas as empresas relacionadas co sector, pola equidistancia de Lalín e os bos profesionais, van permanecer. De feito, non pechou case ningunha e por aí hai unha salvación.

–Lalín ten o dobre de paro que hai un par de anos, pero aínda así está moi por debaixo do resto de España e Galicia. É preocupante?

–Nós estamos nos índices de Europa e é para estar máis contento co resto. O único problema é se o resto de Europa medra e nós, arrastrados polo que pasa en España, non chegamos a ese nivel.

–Con todo o mundo facendo prediccións, teñen algún indicio de cando será a saída da crise?

–Non coñezo ningún empresario que vexa ningún brote verde, nin nada e o tempo vai pasando. Eu espero en todo caso que no segundo trimestre de 2010 comece a recuperación.

–Coas características dos industriais do Deza, en que situación se atoparán á saída da crise?

–Cada un terá que saír como poida segundo a súa situación, pero todo vai depender moito da banca. Eu estou empeñado en que haxa solo industrial dentro dun ano co fin de darlle oportunidades ás empresas. En todo caso, aquí hai moita xente con boas empresas, ben dimensionadas e cando se saia van estar ben posicionadas. Estaremos ben e vese nos datos do paro.

–En que sectores detecta máis oportunidades de negocio?

–Levo tempo dicindo que calquer momento sería bo para que na zona saíra algunha empresa relacionada co agro, de transformación sobre todo, pero creo que o futuro vai estar no mundo tecnolóxico. De feito, as poucas empresas dese sector que hai vailles ben, hai que apostar polas novas tecnoloxías.

–E as enerxías renovables?

–Non van valer, como ata agora, para cobrar unha prima ou algo a curto prazo. Para a fotovoltaica non se trata da zona máis adecuada e, no caso eólico, manda a administración e non dá acceso ás pequenas firmas.

–Como valora o comportamento das administracións nestes tempos de crise?

–Os empresarios necesitan unha man agora, non cando teñan pechado. As administracións teñen que axudar a todo o que queira dar un paso agora. En Lalín hai uns días viu á AED o presidente da Xunta e esperemos que cumpra o que dixo. Aquel día falou dunha rebaixa mínima dun 25%, que está ben porque hai que comezar por algo, pero despois vese que non hai nada orzamentado para elo ata 2013 e sínteste un pouco decepcionado, porque era algo que daba por feito a curto prazo. En todo caso, haberá que dar un voto de confianza.

–E mudou a actitude da banca respecto ao ano anterior?

–Segue igual, o único que mudou e que os empresarios xa sabemos con cales deles podemos falar e por iso cambiaron as relacións. Só lles dan cartos a empresas superseguras e superavaladas e non fan que os cartos cheguen a onde teñen que chegar.

COMPARTIR
 
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas