|
|
|
HEMEROTECA » |
|
ALFONSO LOÑO - SILLEDA Ofelia Rey Recimil convertiuse na segunda alcaldesa da historia de Silleda o pasado 19 de outubro, logo de prosperar a moción de censura apoiada por cinco dos seis concelleiros do PP e o tamén edil non adscrito Javier Cuiña. Durante estes primeiros días de goberno optou por coñecer a realidade municipal e preferiu situarse nun segundo plano da escea pública; algo que, cre, foi unha “decisión acertada”. Leva pouco máis de dous anos en política, pero non descarta liderar unha lista en 2011, aínda que prefire rematar o mandato cunha xestión avalada polo traballo do seu grupo e propón diálogo coas outras políticas e os diferentes axentes sociais para acadalo.
–Aínda non leva nin un mes na alcaldía, pero en política xa máis de dous anos e medio. Ollando ao horizonte de 2011, vese vostede liderando unha candidatura nas vindeiras eleccións municipais?
–(Medita uns intantes) A miña forma de traballar non vai a cambiar se estou no concello só durante esta lexislatura ou se sigo despois. Desde logo que, segundo vaiamos avanzando, haberá que tomar unha decisión. Ao mellor si ou ao mellor non. Quero ser prudente e en principio non estou en condicións de afirmar nin unha cousa nin outra. Xa se verá o que pasa.
–Como valora estas primeiras dúas semanas á fronte do goberno municipal e cales son as primeiras medidas que tomou o grupo que lidera?
–Realmente estamos aínda á espera dos informes de Intervención e Secretaría e outros asuntos que lle pedimos aos técnicos. Estámonos situando aínda e comenzando a recibir datos. Atendemos as peticións veciñais na medida das nosas posibilidades, pero tamén temos que comezar a traballar. Hai que mirar xa as pistas que se reformaron hai meses e que están rotas, por exemplo. Tamén nos piden que se mellore a limpeza e o bacheo. Houbo parroquias que non se visitaron nestes dous anos; ademais de obras menores que están pendentes e que a xente quere saber como están.
–Cales son as principais trabas que presenta este concello para facer una xestión eficaz?
–O peor, polo que me están transmitindo os técnicos, é estar co orzamento prorrogado. Isto atráncanos moitísimo para os pagos e moitas cousas máis, é o noso maior problema. O departamento de Secretaría é o primeiro interesado en sacar canto antes o orzamento para facilitarlle o traballo. O último orzamento penso que é de 2007, neste mandato non se aprobou ningún. Sería un reto poder sacar adiante o novo en decembro ou como moito en xaneiro.
–Aínda que leva vostede 16 días no poder cales son as propostas nas que traballa a medio prazo?
–Temos que centrarnos nos proxectos do vindeiro Plan E. Estamos analizando as necesidades máis grandes que haxa para cubrilas e temos tres meses para presentar os proxectos. Tamén hai que iniciar os primeiros do plan da Deputación e hai que pensar que outras actuacións teremos que pedilas a outras administracións.
–Criticaron as deficientes relacións do anterior goberno con Xunta e Deputación. Tén en axenda algunha visita a San Caetano ou ao Pazo Provincial?
–Estamos xa á espera de que nolas dean, tanto na Xunta como na Deputación. Teño pendente un encontro xa co conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda. Temos que facer uns pagos pendentes e claro que imos reclamar o máximo do que nos corresponda das débedas coa Semana Verde. Pedireille que revise a documentación para ver se temos dereito á máxima cantidade prevista [inicialmente, 1,1 millóns de euros].
–Mantivo algún encontro con Espina y Delfín para rebaixar o prezo da auga? E manterá a mesa de negociación creada polo anterior goberno?
–Houbo un primeiro contacto pero ata hoxe non houbo nada avanzado nese sentido. Creouse unha mesa da auga que tampouco arranxou nada. O anterior goberno anunciou compromisos que logo non se concretaron. Eu o que quero é que baixe a agua e faremos o que faga falta para conseguilo. En principio non manterei a mesa da auga porque non lle vin utilidade, pero si estarei disposta a escoitar a todos.
–Que considera que se debe facer para rebaixar a histórica débeda deste concello? É optimista?
–Necesito un informe da débeda actual, para saber algo. Estou disposta a facelo co departamento de Intervención ou incluso contratar a unha persoa para que nos diga exactamente cómo está esto. Mellor que unha auditoría recoméndame facer un balance económico. Que sexa unha proposta para saber o que hai desde atrás e, a partir de agora, seguir na mesma liña.
–Colleu a alcaldía pouco despois de superar o ecuador do mandato. Que infraestructuras precisa Silleda? Cre que se deben concretar antes de 2011?
–Antes de nada temos que rematar os plans anticrise e logo rematar o curso para aprobar o Plan Xeral. Temos que traballar nos espazos industriais, nas necesidades dos nosos maiores... Un dos meus retos sería traer para Silleda un centro de día. Pediráselle a quen faga falta. Para nós sería algo moi importante. Sobre os demais proxectos, preciso analizar ben o que pasa coa mellora integral da N-525, ou as actuacións previstas en Senra, Chapa e Taboada. Moitas delas foron anunciadas a bombo e platillo como logros importantes pero seguen na total oscuridade.
–Tiveron a oportunidade de coñecer qué ocorre con obras como a do “scalextric” de Chapa ou o estado do proxecto da circunvalación?
–Aínda non tivemos a oportunidade de poñernos en contacto co Ministerio de Fomento para interesarnos por estas obras, pero farémolo. Hai que ter en conta que nestes días estamos atendendo á xente que está chegando, e todos os días, ao concello. Non houbo tempo material. Os primeiros días foi moita a xente a que pasou polo consistorio para preguntar por distintas cousas.
–Tén definido xa os días que estará dispoñible para atender aos veciños no concello?
–Estou mirando coa miña secretaria cambiar o horario de atención ao público. Quero que, en vez de ter un ou dous días, poida estar dispoñible, se pode ser, case que todos os días da semana. Ou ben unha hora ou dúas pola mañá, cando a axenda mo permita. Tamén dependerá dos motivos da consulta, pero creo que será posible combinalo ao longo da semana.
–Como están sendo e como prevé que sexan as relacións cos colectivos socioculturais?
–Moitos xa se puxeron en contacto connosco porque teñen actuacións pendentes. Queremos mandarlle a todos unha carta para presentarnos e decirlles que atenderemos as súas peticións cando se vaia podendo. Atenderase a todos, pero algúns xa pasaron. As bandas de música xa preparan as cousas de Nadal... O problema é o escaso tempo material que temos. Apoiaremos a todas as asociacións que fagan actividades na medida en que se poida.
–Que erros lle atribúe ao anterior grupo de goberno e que cre que debe evitar? E mantén que nas semanas previas á moción de censura houbo acontecementos reprobables?
–Gústame dialogar e ser respetuosa con todos. Escoitarei as propostas de todos, incluso gobernando en maioría. Parto da idea de que somos trece concelleiros e todos somos representantes dos veciños. Outra cousa é que me queiran escoitar, porque desde logo que eu pido o mesmo. Creo que as formas nalgunhas cousas puideron ser doutra maneira. Eu durante aqueles días preferín estar calada para non aumentar o nivel de crispación que había, e incluso houbo despois. Penso, sinceramente, que non me equivoquei ao tomar esa decisión, aínda que se cadra non se entendese así.
–O antigo portavoz do PP, José Fernández Viéitez, anunciou publicamente que a súa permanencia no goberno tiña data de caducidade e, de feito, non asumiu ningunha responsabilidade no novo executivo de edís non adscritos, entre os que se encontra. Falaron das datas que se barallan para o seu relevo?
–Iso é cousa del. Eu xa dixen ao principio que agardara a que arrancaramos porque para min eran necesarias todas as opinións..., todo o que se poidese aportar. Se o vai a deixar antes é cousa del. No seu momento apoioume e a decisión agora só está nas mans del. Que o faga cando queira, pero, evidentemente non falamos aínda nada diso os dous.
|
|
| CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
|
||||||||