ALFONSO LOÑO - LALÍN
O coletivo lalinense Tarabela organizou o sábado unha saída ao monte para recoller os primeiros fungos da tempada. O farmacéutico e divulgador deste complexo e amplo mundo das setas Alberto Granja coordenou as visitas que se fixeron pola mañá e pola tarde aos montes do concello. As primeiras chuvias favoreceron a aparición do que non hai máis de 15 ou 20 anos era un produto tan abundante como pouco aprezado e que hoxe está na maior parte das cartas dos restaurantes. Granja mantén que unha boa guía, e seguir estrictamente as súas recomendacións é o máis importante cando alguén se bota ao monte para buscar fungos.
–Cales son as pricipais pautas que de debemos ter en conta antes de sair ao monte?
–Sobre todo que a persoa merque unha boa guía. Non é necesario que sexa o libro das setas de Europa, é mellor que estea adaptada a cada zona. Hai moi boas guías como a de xente como Marisa Castro, pero tamén a Xunta de Galicia editou unha que está moi ben para iniciarse.
–Existen moitas falsas crenzas sobre este complexo mundo da micoloxía?
–Hainas. Desde que se unha seta está comida por unha babosa xa non é velenosa ata outras. Pero a xente aprendeu moito. Hai vinte anos collíase o pan de sapo porque logo se vendía, pero a xente nin o comía e agora valóranse moito máis as setas. Vinte anos atrás era estrano ver nunha feira como, por exemplo a de Monterroso, setas á venda, e hoxe ves boletus, champiñons, lepiotas...
–Cales son as especies máis abundantes nos montes da bisbarra?
–Que a xente poida coller sen problemas: todos os boletus e os champiñóns, pero tamén hai moito níscalo ou lepiotas.
–Cada unha das variedades tamén está presente en entornos naturais diferentes...
–Os níscalos nos pinares e os champiñóns nos prados. Se queremos atopar a amanita cesárea debemos ir aos montes de Vila de Cruces ou Carmuega.. e as lepiotas están case que en calquera sitio. O importante é que a xente elixa un sitio doado de andar, que vaia pouco a pouco, aprendendo e disfrutando. Nós hoxe [polo sábado] estamos nos montes de Erbo e Palmou.
–Se non estamos seguros sobre a identificación dunha seta, mellor deixala onde está, non?
–O xeito de non ter problemas e ter unha boa guía, e non facerlle caso só á foto que aparece alí. Todas as palabras pesan e non están postas nos comentarios porque sí. Se te fías só polas fotos podes ter problemas. Convén valorar as palabras exactas e os seus termos científicos, polo que unha boa guía debe contar tamén cun bo glosario para que sexa máis doado de interpretar o significado de todo.
–Hai máis de 20 algúns empresarios dicían que os boletus desta zona eran dos mellores de Europa. É certo hoxe hai menos cantidade que entón?
–Os boletus son bos e tiñan que selo para que viñesen de fora de España a mercalos. É probable que haxa menos pero hai 20 anos había o triple de soutos e carballeiras e tamén daquela eu saía ao monte e non atopaba a ninguén. Pero tamén é como todo, canto mellor trates o solo e aos árbores mellor se reproducirán as setas.