Con coñecemento de causa. A escasos tres días de que comece a que será a XVI Feira da Becerra Selecta da Estrada, o edil de Feiras e Mercados, Germán González, pode presumir de ser un dos impulsores deste evento. Despois de tres lustros, González recorda os inicios, fai un percorrido pola traxectoria da feira e sinala as expectativas de futuro. Como gandeiro, non olvida tampouco as dificultades polas que o sector está a atravesar.

-O próximo sábado comezará unha nova edición da Feira da Becerra Selecta. Que supón este evento para A Estrada?

-Como gandeiro, non como organizador, creo que é un evento importante no que nos reunimos parte das ganderías da Estrada e Forcarei e pasamos uns días entre compañeiros. Intercambiamos impresións, falamos do sector e ademais damos a coñecer as explotación, as xenéticas… Por iso, esta non é unha feira na que haixa ventas pero sí na que te das a coñecer para que outros gandeiros, cando o precisen, accedan á túa explotación.

-Trátase logo esta participación na feira dalgo así como unha inversión de futuro…

-Efectivamente, é o modo de darse a coñecer.

-Falemos de presente, como está a situación do sector?

-A situación é bastante complicada ou, mellor dito, moi complicada. Falábase de que posiblemente houbese un repunte nos prezos, pero se o hai será moi pequeno, o cal nos preocupa moito porque os custes de produción si se elevaron. Os pensos, aínda que baixaron algo, non baixaron en relación ao prezo do leite. Por outra banda, estase incrementando o prezo do gasoil e os abonos seguen sendo caros.

-A como se está a recoller agora o leite na comarca?

-É complicado. Non hai prezo, porque depende un pouco de cada fábrica e da cuota de cada un. Neste momento está por debaixo dos 30 céntimos o litro.

-Como se consegue manter a actividade con este escaso nivel de beneficios?

-Ou tes que seguir ou pechar. As explotacións que producimos en base a pastos imos aguantando a duras penas. Pero as que dependen máis de comprar material téñeno bastante máis complicado. Que vai pasar? Esperábase un acordo entre administracións, sindicatos e empresas para fixar o prezo mínimo por encima dos trinta céntimos pero en principio as empresas non están pola labor de proceder a este acordo.

-Isto provocou xa o peche algunhas explotacións da zona?.

-Polo momento pola comarca non, subsistimos os que quedamos porque tampouco temos outra actividade á que adicarnos. Pero por exemplo, na zona de Lugo están mesmo con problemas de embargos.

-Retomando esta próxima Feira da Becerra Selecta, séguese barallando a posibilidade de darlle cabida a máis explotacións de cara a próximas edicións?

-O número de reses que caben no recinto con comodidade está entre 80 e 85. O que pasa é que se na Estrada e Forcarei segue habendo ganderías suficientes para participar, gustaríame que si puidesen facelo máis explotacións da comarca. Non é que nos queiramos pechar a outras zonas, o que pasa é que esta feira naceu como algo propio daquí. O problema témolo nas instalacións, porque tampouco é lóxico aumentar o recinto só para ocupalo unha vez ao ano. Sobre todo vendo que o futuro da gandería tanto na Estrada como en Forcarei -aínda que en Forcarei a situación é algo mellor porque queda aínda algunha xente nova na actualidade- en cinco ou como moito dez anos aquí non hai 50 ganderías.

-Precisamente para tentar que este público máis novo se achegue á agricultura e á gandería celebran o concurso de Xoves Manexadores…

-Si este concurso está presente en tódolos eventos deste tipo. Persegue este obxetivo porque vemos que á xente nova cada día o campo lle gusta menos. Cando eu estou convencido de que hoxe por hoxe o traballo do campo non é tan duro. É fácil de levar, o que se precisa é organización. Iso é o que nos falta a nós. No que respecta á rentabilidade, hai que dicir que en España e sobre todo en Galicia sempre nos faltaron as axudas que por exemplo hai en países como Francia. Aínda que eu non son partidario das subvencións, Galicia nunca enfocou nin distribuiu ben as axudas que foron concedidas. Non nos soubemos preparar para competir coas demais zonas. Ademais creo que a nosa industria se quedou anticuada e agora vemos que estamos invadidos polas multinacionais estranxeiras que viñeron aquí a comprar o noso mercado, non o noso leite. Por outra banda tampouco dende a Xunta houbo alguén que se interesase de verdade polo sector.

-En que debería ter consistido este apoio para tentar evitar a situación na que agora mesmo se atopa o sector?

-Pois sempre se falou dun grupo lácteo galego, o problema é que falouse, falouse e falouse pero nunca se fixo. Iso é o que nos falta en Galicia.

-Qué se precisa nestes momentos para axudar aos gandeiros?

-Sería fundamental que dende a consellería se instase a que principalmente as grandes cooperativas fixesen un gran esforzo para unirse de verdade e crear ese grupo lácteo galego. Creo que sería unha das únicas vías de saída. Principalmente o que se precisa é a transformación e comercialización do noso produto cun nome propio, porque niso si que podemos presumir por ter un dos mellores leites.

-Pasaron xa máis de 15 anos dende esa primeira feira da becerra. Percíbense cambios importantes?

-Pois sí, hoxe na Estrada temos unha gran xenética que antes non había porque as explotacións se preocuparon por mellorar, antes eran unhas becerras frisonas sen máis, pero pouco a pouco tratouse de coidalas máis.

-Expectativas de futuro…

-O que intentaremos é que as ganderías actuais sigan participando e logo intentar que outras se anoten. Mesmo pensamos en delimitar un pouco o número de animais de cada gandería para dar cabida a máis explotacións.