SALOMÉ SOUTELO - AGOLADA
O son da motoserra que adoitaba empregar Antonio Taboada, alias Wily, para dar forma humana ás toradas das árbores volveu oirse onte na Agolada, grazas a unha grabación en vídeo. Un televisor na recén estreada Capela das Virtudes proxectaba cómo aquel 29 de xuño de 1991 o malogrado artista convertía durante cinco horas de traballo un tronco nunha figura femenina axeonllada que sería doada ao concello con motivo da inauguración, aquel día, da Casa de Cultura. Case 20 anos despois, moitos dos artistas presentes daquela volveron xuntarse na Agolada para lembrar ao seu compañeiro.
A proxección, ao igual que a mostra "Wily na memoria" –que se poderá ver ata mañá nos pendellos restaurados– complementan un emotivo acto no que a familia do artista entregou ao concello de Agolada un autorretrato de Wily, cómo non, en madeira, "para que nun futuro haxa unha exposición permanente", en palabras da súa irmá, unha emocionada Cruz Taboada que lembrou as veces que Wily acudiu a Os Pendellos na busca de inspiración. Ela e a súa nai recibiron, como agradecemento do donativo e de mans do alcalde Ramiro Varela, cadanseu ramo de flores, mentres o pai de Wily foi galardoado cunha placa do concello. Entre o público que acudiu ao acto figuraban Damián Paío, Manuel Busto, Gloria Alonso, Armindo Salgueiro... algúns dos máis de 60 artistas que participaban na exposición da homenaxe e entre os que incluso figuraban artistas de Málaga ou Cuba.
O escenario non podía ser máis idílico, posto que o acto de entrega tamén tivo lugar na Capela das Virtudes, que paradoxicamente serviu para ensalzar todas as boas cousas do artista de Botos. "Era tan humilde que cando lle rompeu un brazo á escultura que nos doara, tiñamos medo de que lle parecese mal que a quixésemos restaurar, e a súa resposta foi que el tamén a tería colocado onde a puxéramos nós", lembraba o rexedor agoladense, mentres que o violinista Xan lembraba nun poema que "a súa historia pasou xunto as vías... y toda vía me espanta", nun logrado xogo de palabras no que fai referencia á desgraciada morte de Antonio Taboada.
Magosto e baile
Con este primeiro paso, a familia pón en marcha a súa idea de distribuir as pezas orfas de Wily nesa especie de triángulo máxico que lle servía de musa, e que compoñen, con Agolada, Lalín e A Solaina de Piloño. Foi, sen dúbida, unha xornada festiva que ademais se fixo coincidir coa décima Xuntanza Xeracional, auspiciada por Xosé Vázquez Pintor e a presidenta de Amigos dos Pendellos, que tamén dende 1991 xunta aos que foron nenos de Agolada na década dos 50. O encontro, bianual, contemplaba unha visita aos cemiterios de Agolada e Ferreiroa para lembrar aos que xa non están, así como un magosto nos Pendellos e, pola tarde, unha visita ao sobreiral do Arnego e á igrexa románica de Órrea. A cea e baile nocturno no restaurante Agolada pechou unha intensa xornada de moitos recordos, seguramente todos bos.