A Feira de Oportunidades da Estrada estaba chamada este outono a acadar a súa cuarta edición. Sen embargo, problemas de financiación e falta de acordo entre os socios aconsellaron a última hora a súa cancelación. Estaba prevista para a próxima fin de semana. Sen agochar o seu malestar, o presidente da asociación de comerciantes, Sindo Villamayor, considera a anulación unha derrota para todo o comercio minorista. Lonxe de tirala toalla, pensa traballar para que se recupere na primavera.

–Cando xa estabamos ás portas da celebración da cuarta edición da Feira de Oportunidades, o proxecto esmorece, a pesares de crerse unha cita plenamente consolidada. A cousa sorprende.

–Primeiro houbo un problema na financiación. Unha axuda que o ano pasado contaramos con ela da Diputación de Pontevedra, de 3.000 euros, este ano non se nos deu. Iso laminou un pouco as posibilidades que tiñamos. Por outra parte o feito de que a asociación non poida recurrir aos seus fondos económicos propios para financiar unha parte, o 10 por cento, do custe da feira. Que a min me parece unha locura, por certo. Pensa por exemplo que a min persoalmente ou a outro tipo de establecementos a afeción das campañas de Nadal cos vales de compra é nula e eu non plantexo en absoluto que non se fagan esas campañas. Debemos ser o único caso de que hai asociados que non queren que se toquen os cartos da asociación para a Feira de Oportunidades cando, aínda que ti non participes, sempre se difunde unha imaxe do comercio da Estrada como activo, con iniciativas. É unha tolería, que se tomen esas decisións ou se nos presione para que tomemos esa decisión.

–Entón eses socios, que finalidade lle atribúen aos fondos desta entidade?

–Pois os que lle interesen directamente a eles. Isto tamén lle interesa porque coa túa cuota estás pagando na Feira de Oportunidades unha publicidade que se lle dá á túa asociación. Eles non o ven así e isto lévanos ao segundo problema que tivo esta feira, que é máis grave aínda que o problema económico, que ao fin e ao cabo podería solventarse. O segundo problema é a falta de participación. Nun primeiro momento estabamos nos 24 ou 25 postos e houbo xente que deu para atrás. Despois tamén o problema de por que non podía vir xente de fóra. Tódalas feiras teñen xente de fóra. Que sería a Feira do Moble sen expositores de fóra? A competencia é así e non pasa absolutamente nada, porque senón leva a que non fagamos feiras e que nos esmaguen entre Santiago e Silleda. O problema é que non hai solidaridade profesional entre nós. Ti non estás vendo tanto se che vai ben a ti o negocio como a ver como lle vai ao de enfronte. Isto haino que superar. Non podemos ter esa visión tan curta. Ademais, a amenaza permanente que hai de darse de baixa. O mal non llo fas á directiva, senón ao comercio, ao teu comercio, porque vas debilitar unha asociación que te está representando e defendendo. Eu persoalmente, coa miña sinatura e o meu patrimonio, estou avalando un aluguer do novo baixo no que estamos, que outro paso grande adiante que se dá. A xente ten que ser consecuente, solidaria, senón non vale para nada.

–A crise económica estase deixando sentir entre os comerciantes. Que se cancele esta feira, que era unha nova oportunidade de negocio, é outro pau para o sector nun momento complicado?

–Si. Se a xente non vai á feira é porque economicamente non lle importa. Eu penso que se alguén non vai é porque non fai cartos, de feito os que querían ir é porque fan moitos cartos. Agora se hai dificultades económicas, se a xente se está queixando de que lle vai mal o negocio, penso que había unha fórmula que era a feira de estocaxes que era unha boa maneira de saír de aí. A menos que a maior parte dos comerciantes teñan unha concepción ideolóxica do seu negocio como algo subsidiario, que non necesito formarme, que non preciso novas tecnoloxías, nin cursos de marketing, de imaxe… que teño o negocio para ir tirando e pagar o meu seguro. Non é posible que cos 350 ou 400 comercios que hai na Estrada que haxa que ir polas portas pedíndolle á xente que se asocie. E o que se ten que meter a xente entre cella e cella,o comerciante, é ue ou participa na asociación ou non ten futuro, ou teno moito máis difícil. Porque, ollo, que está aí Santiago. E Santiago, cando fagan a autovía, vainos ir peor, como non apretemos e botemos unha man. En fin, non pode ser. Todo o mundo fai unha Feira de Oportunidades. Penso que non é un fracaso da directiva –creo que foi un éxito montala– creo que é unha derrota de todo o comercio minorista, que eu penso que imos superar porque imos montar outra.

–A voz do comercio escóitase ante obras públicas como a da recente Praza do Mercado...

–Era tamén un reto que tiñamos e conseguimos, e tamén quixera que os comerciantes o valorasen. Ter representatividade era un obxectivo e lográmolo. Agradecémolo profundamente. A aportación que o concello fai á asociación é do mellor que hai que eu coñeza; hai unha fluidez total na relación e só teño parabéns. En concreto a intervención que se fixo na Praza do Mercado paréceme un paso adiante. Quen diga que obras dese tipo son case suntuarias... había que preguntalo aos fillos dos traballadores que estiveron traballando nesa praza. Pídolle ao concello que fagan obras deste tipo por todos lados. Paréceme que para o comercio da Estrada que se acometan estas obras, e sobre todo contando con nós, é unha marabilla. En 6 meses imos ver se a xente acude máis á Praza do Mercado, que ten a asignatura pendente da Praza de Abastos.