Tras un tempo de xerencia provisional, a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada conta dende o xoves cunha nova dirección fixa. Neste día tomaba posesión do seu cargo ao fronte desta entidade Nuria Campos Caamaño, que afronta unha etapa profesional na que ás metas logradas xa pola fundación estradense en anteriores períodos se tentarán sumar innovadoras vías de actuación e novos usos para o recinto. A búsqueda da estabilidade que esta institución tivo noutros tempos, será, tal e como ela mesma afirma, un dos principais retos.

-Acaba vostede de empezar a súa etapa como xerente da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. Cales son os obxetivos que se marca nestes momentos?

-O primeiro é coñecer ben ao persoal que está traballando agora e leva xa moito tempo esforzándose para que a fundación represente á Estrada e máis ao sector mobleiro como debe ser. Os meus obxetivos basearanse pois en tentar continuar o que se fixo ata o de agora e impulsalo un pouquiño máis, traer novas ideas e facer que o sector estea contento a pesar de que esteamos nunha época de crise.

-Ten xa uns retos definidos?

-O primeiro é darlle unha estabilidade á fundación porque dun tempo a esta parte está un pouco tambaleante, pasando por varias xerencias, e o que pretendo é que volva ao esplendor dos primeiros tempos.

-Referíase vostede a novas ideas…

-É un pouco complexo delimitar xa cales serán estas novas iniciativas. Primeiro teño que saber ben o que se leva feito e facer un estudo. Despois tentaremos innovar na medida do que se poida.

-En qué liñas de actuación se canalizaría esta innovación?

-Hai que ter en conta que a fundación pasou por varias etapas. Pasou por un momento de bonanza no que se desenvolvían moitos cursos e era referente na zona. Agora está un pouco de capa caída neste senso. Penso logo que se deben aumentar as actividades que se desenvolven na fundación á parte da Feira do Moble, pois sempre se pode facer unha maior utilización das súas instalacións e lograr conseguintemente un maior coñecemento da mesma. É importante por exemplo intentar traer novas feiras.

-Prevese unha ampliación do uso do recinto da Fundación de Exposicións e Congresos entón?

-Si, debemos facer que sexan unhas instalacións máis produtivas e que non pasen tanto tempo paradas porque é un beneficio para o sector e tamén para a propia Fundación. Deste xeito, ademais de darnos a coñecer non infrautilizamos o recinto.

-Fala vostede de novas feiras. En que ámbitos se centrarían estes eventos?

-Antes de definir isto teño que darme a coñecer no sector, falar con outras feiras de Galicia para ver que ámbitos se están ocupando e intentar encaixar non sectores que outros non estean abarcando e tamén en novos sectores que se poidan englobar. Tampouco imos facer unha feira e intentar pisar a un evento próximo. Para iso temos que coñecer ben o sector, porque non veño coa idea de chegar coma un elefante a unha cacharrería, é dicir, non se trata de traer novas cousas que perxudiquen a outros do mesmo sector ou actividade. Incorporeime onte (por referencia ao xoves) e o que teño encima da mesa son un montón de papeis e reunións. Primeiro hai que valorar e logo traballar para mellorar. Para iso verei o que se fai fóra e o que podemos facer nós, aproveitando tamén aquelas xinersias que poidan darse e impulsar así a fundación.

-Feiras, cursos. Algunha actividade máis para aproveitar as instalacións?

-Estas instalacións véñense empregando de maneira moi leve. O que se fan son feiras, cursos ou reunións dalgunhas empresas. Por iso, tentarase buscar alternativas para darlle máis uso a este recinto, que pode valer para moitas outras cousas.

-Novas liñas de actuación na búsqueda da dinamización…

-Buscarase tanto a dinamización da propia fundación como do municipio e da zona. A Feira do Moble que se celebra na Estrada é un referente e tentaranse impulsar novas iniciativas para que se coñeza aínda máis.

-Falando da Feira do Moble, considera que precisa algún cambio de plantexamento de cara a próximas edicións?

-Ata o de agora houbo varios xerentes e o persoal dedicouse plenamente á feira nun momento moi difícil. Tentaranse cambiar pequenas cousas que fagan que o evento mellore pero o que está feito ata o de agora sempre vai ser de eloxio á xente que o fixo.

-En todo caso, é o momento de innovar?

-Sempre é bo innovar. Nun momento de crise como é este, facer cousas novas sempre pode dar un impulso á propia feira do moble. Tentarase innovar pero sempre en consenso co sector.Buscaranse as novas alternativas e tentarase mellorar.

-Próximo evento marcado: Feira de Antigüidades e Cousas Curiosas.

-Efectivamente, o primeiro evento a organizar é a Fera de Antigüidades os días 13 e 14 de decembro. Esta non vai ser unha feira de grandes cambios porque no tempo que queda tampouco da tempo de facer grandes modificacións. Será unha maneira de que a xente que ven ata aquí poida coñecerme e despois desta primeira feira, que será de introdución, intentaremos facer xa algún cambios que se estudarán.

-Unha fundación aberta a tódolos públicos entón?

-Penso que se debe apostar pola xente nova, que é onde está o futuro. Queremos que os mozos vexan que a fundación está aberta a tódolos públicos. Buscaremos que a xente se involucre e que tome á entidade como algo realmente seu.