O Casino de Lalín acolleu onte un Seminario de Autodefensa Lingüística promovido pola Plataforma Cidadá Queremos Galego, recén creada na comarca. No ciclo de charlas participaron a docente María Xosé Álvarez, o xuiz Luis Villares e o investigador Ruco Álvarez. Mentres os dous primeros ofreceron unha visión sobre a situación sociolingüística do galego e a súa presenza no ámbito xurídico, Ruco Álvarez botou man da súa experiencia como docente en países con varios idiomas oficiais ou recoñecidos.

–Vostede traballou en Alemaña, Noruega ou Suecia. Que sistemas destes países se poden aplicar a Galicia para chegar a unha situación realmente harmónica entre galego e español?

–Sorprendeume sobre todo o caso de Noruega, da que temos a crenza que é un país monolingüe cando non se trata diso, posto que un estudante pode chegar a pedir que se lle faga un exame noutras linguas. En Suecia, a pesar de que eu impartín clases en inglés, se hai un 8% de falantes dunha lingua minoritaria, o estado apoia con medios económicos a pervivencia dese idioma para que non se perda. Estas leis de fomento do galego existen aquí, pero hai sectores que se aledan de que sexan papel mollado, recoñecendo que durante o goberno de Fraga se sacou adiante unha Lei de Normalización Lingüística que non se quere aplicar.

–Hai algún sector no que se sexa claramente perigoso o descenso do uso do galego?

–En moitos ámbitos a lingua está nunha situación precaria, pero creo que debemos insistir sobre todo no ensino, e xa dende Preescolar porque, de seguirmos así, quizais a próxima xeración non coñeza o galego. O ideal é que, se se quere unha sociedade sen conflictos, hai que ensinar de forma parella galego, castelán e inglés, e isto hoxe estase torpedeando. Como profesor, detectei tanto en Secundaria como na Universidade que ás veces semella que hai que pedir permiso para usar o galego, pero non para empregar o español. Abonda con lembrar as campañas anteriores ás eleccións que levaban por lema "Queremos elegir". Estas dúas palabras poden enganchar a moitas persoas, pero en contextos determinados implican poder prescindir dunha lingua e dunha cultura, o que nos leva ao racismo lingüístico.

–Que opinión lle merece o papel do actual goberno autonómico?

–Os medios que está facendo efectivos non van cara a un bilingüismo harmónico, senón a localizar as áreas onde o galego aínda ten unha presenza importante, para así reducila. Lembro que o decreto do uso do galego e español ao 50% no ensino moitas veces non se pode aplicar pola falta de materiais en galego. E xa que as editoriais pensan cunha mentalidade mercantilista, o que tería que facer o goberno é apoiar a edición de materiais didácticos para non lles causar perdas económicas ás empresas.

–Corre perigo o futuro do idioma?

–A desaparición do galego é unha posibilidade máis, porque é a tendencia que existe na actualidade e estamos a vivir, ademais, un acelerón neste sentido, igual que se constata a permanencia de certos prexuízos de cara ao idioma. Pero polo que a min se refire, non vai desaparecer, nin por min nin por moita outra xente á que lle teño moito respecto.