REDACCIÓN - SILLEDA
O goberno de Silleda presentou onte a decena de intervencións que sufragará cos 1.103.498 euros do plan anticrise da Deputación, e que se centran na mellora dos recintos deportivos, educativos e sociais. A alcaldesa, Paula Fernández Pena, e o edil de Obras, Manuel Cuiña, sinalaron que o proxecto máis ambicioso é a mellora da futura Praza do Tenor Vales Mahía, no auditorio da Bandeira. No entorno deste montarase un anfiteatro ao aire libre aproveitando un palco xa existente, e ademais amplíase a zona de beirarrúa ata a zona do campo de fútbol e a escola de música. As rúas, por último, vanse humanizar con elementos de xogo, tal e como se fixo noutros enclaves do municipio "para que nun futuro obteñamos a calificación de cidade educadora", avanzou a rexedora. Esta pauta tamén se aplicará na creación dun apeadoiro no perímetro do colexio silledense, que inclúe andéns para autobuses moi fáciles de identificar, "xa que o tramo de beirarrúa e o muro se pintarán coa mesma cor do bus que espera nese andén".
O concello acomete co plan provincial a mellora do acceso ao campo de festexos de Grava, adquirido hai poucos meses e no que se construirá un muro de contención das terras así como unha zona de aparcadoiro. "Este plan está consensuado cos veciños", explicaba Pena, engadindo que un veciño tamén lle cedeu ao goberno local un terreo anexo para estas intervencións.
Pola súa banda, na localidade do Castro arreglaranse tanto as pistas polideportivas coma un pequeno campo de xogo, "que estaba sen rematar e que pode converterse nun espazo para tenis ou futbito", apunta Pena. O proxecto tamén contempla transformar a coñecida como Casa do Caminero nun centro deportivo. Tras esta intervención, o goberno local plantéxase solicitarlle á Xunta que mellore o estado da senda que conduce á zona dende a chamada "rotonda do Chuzo", coa colocación de beirarrúas.
A proposta trasdezá tamén inclúe proxectos demandados polos veciños como a instalación de caldeiras de biomasa nos locais sociais, así como a compra de mobiliario e equipamento informático para os locais novos ou de futura creación. O plan provincial tamén sufragará a adquisición de máis colectores de lixo para contribuir á recollida selectiva, así como a ampliación dos vestiarios do Bandeira Club de Fútbol ou a compra de material deportivo para o pavillón de Silleda. O resto, 350.000 euros, cubrirán a mellora de vías municipais, polo que se está valorando o estado de 15 pistas.