XAN SALGUEIRO - LALÍN
Despois dunha longa noite de troula, Lalín viviu onte o día grande das súas festas patronais na honra da Virxe das Dores. Logo dunha mañá de fogos de artificio e pasarrúas a cargo dos grupos A Carballeira de Cercio e Os Dezas de Moneixas, da Banda Municipal de Lalín e da Charanga O Roxedoiro de Palmou chegou a misa solemne, cantada pola Coral Polifónica de Trasdeza. A ofrenda tradicional á patroa da vila correu a cargo, coma de costume, do alcalde, José Crespo, que estivo acompañado polo conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, durante a cerimonia. O rexedor quixo situarse "no corazón mesmo dos problemas que afectan á sociedade neste xusto momento da historia" para lembrar que "o verdadeiro alicerce da nosa tarefa política está precisamente en protexer, apoiar e fomentar os dereitos e o benestar de todos". Nesta misión implorou a axuda da Virxe, "sempre co desexo da busca da xustiza e do ben común, da verdadeira xustiza e da solidariedade". Tamén tivo verbas para "os que nos precederon", pais, mestres, cregos ou alcaldes –coma o recentemente falecido Luis González Taboada Licho, "moi querido neste pobo"–, para as novas xeracións –das que, parafraseando a ofrenda ao Apóstolo do presidente galego Alberto Núñez Feijoo, dixo, "unha gran maioría loitan con afouteza por mellorar a súa formación e ser de proveito"– e para "a nosa Terra" –"o que sempre nos motiva e nos empurra"–. Logo de citar ao papa Bieito XVI, no seu recoñecemento "á caridade como expresión auténtica de humanidade", quixo adicar á Virxe das Dores os versos de Ramón Cabanillas: "A roseira do recordo ten rosiñas a centos, nin as pode queimar o sol, nin as pode arrincar o vento, florece cando se quere, e dalle o dolor recendo".
A tarde discorreu con música dos citados grupos e máis das Cantareiras O Son da Fervenza, de Silleda; e o festival de títeres. Pola noite estaba prevista a actuación das orquestras Gran Parada e Philadelphia e o espectáculo de Piroctenia Penide.
Hoxe haberá pasarrúas a cargo dos gaiteiros Os Xuncos de Santiso e Os Trasnos de Doade e da Nova Banda de Vilatuxe e da Popular de Muimenta (11.00), que tamén darán concertos ao mediodía e ás 20 horas. Viravolta e Teatro do Arado ofrecerán teatro de rúa diante da estatua de Loriga (17 horas); e Ailola actuará no Quilómetro Cero (19). Costa Oeste e Cinema tocarán na verbena.