ADRIANA VALIÑO - SILLEDA
José Manuel Colmeiro é un veciño de Lamela que desde hai décadas emprega todo o seu tempo libre na realización de pezas artesanais. Aos seus 66 anos, leva máis de dez adicándose en exclusiva á realización de pezas únicas. Comezou con pequenas miniaturas, que querían mostrar as tradicións labregas que se estaban a perder. Unha idea que se apoiaba no feito de que as seguintes xeracións non poderían coñecer todas as pequenas peculiaridades que rodeaban o campo se non se plasmaba dalgunha forma o traballo no agro. Os seus primeiros traballos cobraron vida na Coruña, cidade na que viviu durante unha larga tempada cando era mestre de primaria. Despois da xornada laboral José Manuel sempre deixaba dúas ou tres horas libres para traballar, a golpe de navalla e de lima, na recreación da vida labrega, como él mesmo explica "o que quería mostrar era o conxunto da vida do campesino, pasando da casa tradicional, coas cortes a un lado, a cociña, a artesa e o pozo, ata o muiño onde tiña que ir moer o gran".
A obra deste autor atópase esparcida pola comarca, pero o Museo Etnográfico Casa do Patrón, de Doade (Lalín), alberga no seu interior dúas das pezas ás que o artista lle profesa máis cariño. O muiño está realizado de maneira que todos os mecanismos funcionen ao igual que o faría un de tamaño real. As pezas intentan ser o máis fieis posibles á realidade, de xeito que posúe mesmo un burro para mover a pedra feito a partir dun sacacorchos portugués. A miniatura, que leva máis de trinta anos feita, mantense en perfectas condicións. " Este tipo de obras cando máis sufren é nos trasladados", asegura Colmeiro.
Lar típico
Cambiando de edificio, dentro do mesmo museo, atópase a casa labrega realizada por José Manuel. A taberna museística alberga esta peza de máis dun metro de largo que imita á perfección o típico lar galego. Na estancia encóntranse a artesa, a lareira e o forno. Todas as habitacións contan cos apeiros propios, como son un fol para o fogo, as ferramentas de labranza ou o pote na lareira. Todo en conxunto consegue o obxectivo de Colmeiro, que é mostrar aos máis pequenos unha realidade non tan lonxana.
As miniaturas non son o seu único hobbie, os coches e os inventos con motor tamén ocupan gran parte do seu tempo. Hai dous anos comezou a preparación dunha peculiar cuadriga romana. Como se dun emperador da antiga Roma se tratara, Colmeiro acudiu ao entroido de Lamela e da Bandeira acadando gran recoñecemento por parte dos asistentes. Este ano levou un coche de época, no que el máis a súa dona recreaban ao mítico detective Sherlock Holmes e o seu famoso compañeiro Watson.
Os inventos deste silledense son admirados por multitude de persoas no museo, pero cando leva a cabo outros traballos máis caseiros tamén son alabados por familia e veciños. Sen ir máis lonxe, o seu irmán Antonio quedou abraiado cando veu a barbacoa realizada por José Manuel. Este invento está construído cun mecanismo que permite que a parrilla suba ou baixe, ademais de introducirse ou saír do fogo á vontade do cociñeiro.