LAURA MARTÍNEZ - LALÍN
Os apeiros de labranza precisos para mallar o trigo volvían onte ao traballo da man da décima Malla Tradicional organizada pola Casa do Patrón de Codeseda, na parroquia lalinense de Doade. Un agro próximo ao museo acollía ao máis dun cento de asistentes que participaron nesta laboura, así como os postos de produtos típicos, como o mel, e de artesanía en madeira, pedra e cestería. Moitos foron os que a través desta malla reviviron momentos da súa infancia e mocidade, cando hai uns anos este era o procedemento habitual para obter o gran de trigo co que poder facer o pan.
Ataviados con sombreiros de palla, delantais e roupa de faena e acompañados por un impetuoso lourenzo ás doce do mediodía comezábase coa malla á pedra. Varios dos participantes amosaban aos asistentes en que consistía esta técnica que sacudía o gran do trigo da man da pedra. Pouco despois era a quenda dos oito labregos que, acompasados, facían soar a melodía dos males conseguindo despoxar o gran deste cereal. O compás só se crebou para que as mulleres volteasen as pallas, intre que os cativos aproveitaban para ofrecer auga e viño aos traballadores.
Máis de 70 anos mallando
O ruxir dos motores dunha das máquinas de mallar amosaba o salto no tempo e a meda nutría os mollos que devoraban estes aparellos, procedentes de Parada de Albiote (1930) e da Fonsagrada (1910) e que pasan o resto do ano no museo de Doade. A palla xa sen gran foise almacenando nun palleiro que debería resistir as inclemencias do inverno. Ao remate da faena, o viño, o pan e o queixo repartíanse entre os traballadores e os asistentes como en tempos antergos. Co traballo feito é o momento da troula que comezou coa música das gaitas dos Trasnos de Doade aos que tras varias pezas tamén se uniron algunhas cantareiras. Precisamente, unha destes músicos, Ana Alvarellos, recibiu o premio por ser a mellor vestida para esta faena. O polbo, a empanada e o lacón foron os protagonistas á hora do xantar. A sobremesa viría a cargo de xogos tradicionais, que recolleron novamente o espiríto e o sentir das mallas de antano, tal como comentaba Manuel, veciño de Silleda e de 84 anos, quen destacaba que “nestas mallas o importante era a unión dos veciños, que se xuntaban para axudar nesta tarea e iban dunha eira a outra”. Este mesmo sentimento de unión, mesturado co interese por preservar as nosas tradicións, move cada ano esta malla de Doade.