REDACCIÓN - VILA DE CRUCES
O Bloque Nacionalista Galego do municipio de Vila de Cruces presentou publicamente, durante a pasada xornada, a súa nova responsable local, Susana García Sueiro, de 33 anos de idade. A súa elección, por total unanimidade, tivo lugar o pasado 15 de xullo durante asamblea ordinaria tralo anuncio de demisión presentado por Pavón, pero ata onte non se fixo público o seu novo posto.
Durante a rolda de prensa, a nova responsable anunciou cales serán os seus obxectivos á fronte do partido, centrándose "en crear un bo grupo de traballo que permita surxir a conciencia da política, que forme parte da vida cotiá". Ademais, engadiu Susana García que "queremos que perdan a apatía cara ao partido e que nos respecten".
Escoltada por Xoán Blanco e Antón Pavón, ambos alabaron o perfil que cumpre a nova representante, asegurando que o que prima e a renovación con xente que ten moitos proxectos interesantes para poder acadar os fins dos nacionalistas. Dende a sé local, afirman que un dos obxectivos é "acadar a alcaldía ou a mellora dos resultados electorais, como o resto de partidos, aínda que non o vemos como un fin, senón como un medio para poder modificar para mellor a vida dos cidadáns". Nesta mesma sesión deixouse entrever unha posible homenaxe á figura de Antón Pavón pola súa labor de máis de 25 anos no partido, aínda que seguirá asesorando aos membros da lista.