|
|
|
HEMEROTECA » |
|
SEHILA RODRÍGUEZ - LALÍN A compañía de títeres Cachirulo participa esta tarde, ás 18.00 horas, no festival Titirideza 2009 coa obra “Típico Tópico” na Praza da Vila como función previa a “Historias de títeres”, que ofrece a compañía Trécola as 20.00 horas no Novo Auditorio. A representación que abre a xornada corre a cargo de Jorge Rey e Carmen Domech. “Típico Tópico” consolídase como un musical baseado nos famosos clichés turistas que identifican España como un país de flamenco, touros e sol. Para descubrir máis sobre o mundo do monicreque, Jorge Rey detalla os segredos da creación das marionetas.
–Como comezou a súa vocación polos títeres?
–No ano 1979, cando cheguei a Galicia. A raíz de coñecer a xente que viña de adicarse a este mundo en Barcelona. A primeira compañía que fundei entón foi Trécola, despois chegaría Teatro de Catro Artes ata acabar en Cachirulo.
–En que se basean para crear as súas obras?
–Depende, xa que realizamos adaptacións de contos como “Pinocho” ou “Noite de Verán”, baseada na obra de Shakespeare “El sueño de una noche de verano”. Outras son obras escritas por min, como unha baseada na Guerra das Galaxias. A inspiración cambia segundo o que se pretenda facer. A técnica na que traballamos a marioneta varía en función do espectáculo que desexamos presentar ante o público.
–Cal é a historia da función de hoxe, “Típico Tópico”?
–Nós chamámola obra de alta fusión, xa que mestura diferentes técnicas de monicreques. Son típicos e tópicos culturais vinculados ao falso ideal do turismo que se basea no sol, o flamenco e os touros. Preséntase en varios sketchs. Entre eles, atópase unha situación dun turista na praia cun monicreque de variña. Outra nun tablao flamenco cun boneco de manipulación directa e outra marioneta de luva nunha corrida de touros. Trátase de romper os tópicos, os preconceptos culturais.
–Dos tipos de títeres máis comúns, cales son os que máis practican na súa compañía?
–O certo é que hainos de variñas, de fíos, bunracos (nos que se ve ao manipulador), títeres de mesa, muppets (ao estilo dos Teleñecos), títeres de luva (como os do teatro de guiñol) e despois aparecen diversas variantes que combinan ou incluso traballan as sombras. No noso caso, os que máis utilizamos son os bonecos chineses con pés e pernas, que son unha variante dos títeres de luva, as marionetas de fío, as de variñas e os bunracos.
–Que opinión lle merece o festival de Titirideza?
–É unha gran iniciativa na que xa participamos durante varios anos. Lalín consolídase como un punto de referenza grazas a proxectos como o Museo Galego da Marioneta ou o traballo da compañía Viravolta.
–No certame teñen tempo de intercambiar experiencias con outros participantes?
–Participan as mellores compañías cas súas últimas produccións. Trátase dunha mostra de actualidade. Este certame permite coñecer o traballo dos demáis e asistir aos seus espectáculos. Neste mundo mantemos unha relación de mutuo aprendizaxe.
–Cal é a relevancia dos títeres na infancia?
–É unha actividade artística que se vive aquí e agora. Unha comunicación co público irrepetible. Non hai diferencia entre cativo e adulto, trátase de espectáculos para todas as idades. En Galicia, as representacións de títeres teñen un desenvolvemento significativo pola situación dispersa da poboación, o que permite que cunha montaxe sen demasiadas complicacións se poidan presentar estas obras en moitos pobos.
–Como se atopa o sector do títere en Galicia?
–Nos últimos anos están a asomar novas compañías. Contabilízanse de 15 a 20 que traballan con regularidade, das que unhas cinco ou seis son as que levan máis tempo dentro desta arte e ofrecen funcións noutros lugares, permitindo abrir un mercado interno para o resto. Hai 30 anos practicamente non existía esta práctica, era máis ocasional. Na historia, o teatro de barraca deixa de existir no 1964 ata finais dos 70. Pódese dicir que actualmente existe unha dinamización, consolídase o mundo dos títeres coa madurez que isto conleva.
–Cal é o motivo de que a maioría de compañías que se dedican ao mundo dos títeres constrúan os seus propios bonecos?
–Polas características propias. Necesitas controlar o proceso de construcción, hai que facelo en función das obras que se pretenda representar ante o público. A montaxe e o texto están vinculados, é difícil separar un doutro, xa que se pretenden atopar as características adecuadas do boneco para a obra ou viceversa. Trátase dunha actividade artística que require un verdadeiro traballo en conxunto.
|
|
| CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
|
||||||||