|
|
|
HEMEROTECA » |
|
LAURA MARTÍNEZ - RODEIRO O Monte do Faro acollerá esta fin de semana un novo festival, que contará con dous días de música en directo. O venres 14 centrarase no rock. A partir das 20.00 horas, actuarán os grupos Ibsen, Indana, Alén, Tonhito de Poi e Rasa Loba e O son do galpón. O sábado o folk será o protagonista con grupos como os lalinenses Linho do Cuco, Os Tres Trebóns, Bonovo ou Cé Orquesta Pantasma. Os dous días o peche da festa virá a cargo dunha sesión con pinchadiscos.
–Porque decidiron organizar este festival?
–Levábamos xa tempo pensando en celebralo e había moita xente que nos animou a facelo. Finalmente, arriscámonos un pouquiño a levar adiante esta idea, na que estamos traballando dende hai varios meses. Contamos ademais coa colaboración do concello e da Diputación de Pontevedra e o patrocinio de marcas comerciais coma Coca-Cola e San Miguel.
–Pretenden tomar o relevo á Foliada que se celebrou durante varios anos en Lalín?
–Sempre quixemos facer unha foliada aquí en Rodeiro, pero mentres existíu a de Lalín estaban moi próximas como para facer dúas, podendo solaparse entre elas e non era cuestión diso. Pero, ao non continuar celebrando a de Lalín, vemos que a xente segue tendo ganas de ter unha foliada aquí, na zona, e por iso nos decidimos a organizala.
–Porque escolleron o Monte do Faro para celebrala?
–Esperamos que ao ubicala no Monte do Faro, aínda que será nun pinar próximo á capela e non na explanada da cima do monte, senón a uns 100 metros, que nos sirva como publicidade. Xa é unha zona moi coñecida, posto que anualmente achéganse entre 4.000 e 5.000 persoas a esta romaría. Así, agardamos que iso nos axude a promocionala.
–Ademais de preparar a zona de acampada, os asistentes contarán con máis comodidades?
–Acondicionamos o pinar, agora está perfectamente limpo e convertirase na zona de acampada, que é gratuíta. Tamén decidimos que a foliada podía ter tintes de romaría, de xeito que se puidese comer polbo, churrasco, pan e viño dende o venres á noite ata o mediodía do domingo. Isto decidímolo un pouco tarde e con todas as festas que hai neste mes na zona, non había quen se fixese responsable polo que tivemos que botar man dunha empresa de Maside.
–Teñen previsto gran afluencia de asistentes a este festival?
–Agardamos que o tempo acompañe e calculamos que acudan sobre unhas 3.000 persoas, aínda que ao tratarse da primeira vez que se celebra non sabemos realmente como vai ser a resposta da xente. Polo de agora, temos que afrontar tamén unha débeda duns 15.000 euros polo que agardamos poder solventala cunha notable asistencia a esta foliada.
|
|
| CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
|
||||||||