Cada produto elaborado por un artesán convértese en parte da súa vida. Son pequenos obxectos que van enchendo as súas horas de traballo, un labor de dedicación exclusiva para atopar o detalle máis preciso e o mellor acabado. O perfeccionismo podería describir a moitos artesáns, que son moi conscentes desa tarefa tan delicada que teñen entre as mans, e que lles fai roubar horas ao día para pasalas dedicadas a un obxecto.

José Villar López é un veciño de Silleda que leva 16 anos adicado ao traballo en coiro. O seu comezo no mundo da artesanía foi casual, e acabou sendo o seu modo de traballo. Dende a súa tenda, e taller, situados na Avenida do Parque, elabora pezas únicas, son traballos de meses, realizados en coiro, que se acaban convertendo en verdadeiros obxectos de arte. Villar confésase moi satisfeito do seu labor: “Teño moita sorte porque traballo no que me gusta, a única pena é non ter comezado antes. A miña labor é moi gratificante, cando fas encargos especiais e os acabas, sentes algo especial, e vés que á xente lle gusta e que volta”.

Os principios foron duros, unha aprendizaxe autodidacta levouno a fabricar as súas propias ferramentas e a ir probando diferentes tipos de coiro e ata á experimentación coas distintas posibilidades que pode chegar a ofrecer a pel curtida.

O nome do seu taller, 1924, fai alusión ás técnicas que se empregaban e se deixaron de usar neses anos, despois da Exposición Universal de París, facendo referencia a esas técnicas que se deben recuperar e ao emprego na produción de materiais o máis naturais posibles: “Tendes a buscar, por respecto ao traballo que queres levar a cabo, os materiais máis puros posibles para conseguir un resultado o máis óptimo posible”.

A tarefa dun artesán está agochada detrás do mostrador, na banca de traballo pasan sentados horas e horas para levar a cabo pequenas pezas únicas: “Tén un tempo de traballo que non se ve detrás. Un maletín pode levar vinte e pico días. Case un mes de traballo”, relata. Villar apunta que “outras obras son máis decorativas ca funcionais”, ao tempo que mostra a fotografía dunha das súas creacións máis logradas: “Este gusano foi finalista no [certame de artesanía Antonio] Fraguas Fraguas. É un gusano dun metro vinte, é móbil, ao ser coiro acuchillado permite mobilidade. Este tipo de obxectos tés que pensalos e logo pasalos a papel, é moito traballo. Soamente para conseguir que o coiro se atopara no punto exacto estivo sumerxido case nove meses. É un obxecto con moitísimo traballo, claro, logo á hora de saír á venda pode chegar aos 3.000 euros”, valora o artesán orgulloso da súa obra.

Posibilidades do material

José Villar, non soamente se adica a obxetos únicos, leva a cabo reparacións, restauracións, encadernacións artísticas, repuxados e labrados. O seu labor diríxese aos encargos, non a traballos de cara a feiras de artesanía. “Traballando con máis tempo, daslle acabados de máis rigor, e todo vai en beneficio do aspecto final do obxeto”, afirma o artesán silledense. As posibilidades do coiro son inmensas; Villar asegura que cando comezou non asociaba o coiro máis aló da marroquinería máis tradicional, de carteiras ou bolsos:“Cando comecei non me imaxinaba que fora un mundo tan amplo, asociábao a cousas de levar e pouco máis. Non o relacionaba a lámpadas, a cadros ou obxectos esféricos”. Afirma que é o propio material o que “che vai pedindo máis”, tanto en horas de labor como no emprego de novas técnicas de traballo. “É un material con moitas posibilidades. Acabas atopando as posibilidades do coiro como soporte artístico dentro das artes decorativas. Son obxectos cun componente máis obxecto único”.

A satisfación de ver aos clientes contentos e de obras ben feitas é o que máis anima a José Villar a seguir neste oficio, realizado por poucos pero cada vez valorado por máis.