Mónica Balo González - Musicóloga lalinense e futura asesora do Ministerio de Educación
LAURA MARTÍNEZ - LALÍN
A musicóloga lalinense Mónica Balo emprenderá en setembro unha nova etapa profesional como asesora do Ministerio de Educación en Madrid. A súa experiencia na directiva do Conservatorio Profesional de Música de Santiago e o seu traballo na consellería de educación, así como a súa ampla formación fixeron que fose seleccionada para este labor no ministerio.
–Cal será concretamente a súa tarefa neste novo posto?
–Traballarei como asesora de música e artes escénicas, que engloban a danza e a arte dramática, e o meu cometido será contribuir na elaboración de reales decretos e daquela documentación precisa para regular os estudos de música e o seu funcionamento nos centros educativos.
–Sabe xa cal será o primeiro reto ao que deba enfrentarse neste novo traballo?
–Cando me incorpore agárdame a tarefa de organizar e adaptar os estudos de música ó proceso de Boloña, ao novo sistema educativo europeo.
–Levaba moito tempo agardando esta oportunidade?
–En realidade non o esperaba, en absoluto. Para min foi unha grata sorpresa, unha alegría pero ao mesmo tempo sinto que é unha gran responsabilidade. Esta praza supón case a meta das miñas aspiracións profesionais. Chega un momento no que te decatas de que en Galicia tocaches teito, e se queres seguir medrando e formándote no eido profesional, tes que marchar, e é o que me acontece agora mesmo a min.
–Como asume esta faceta máis próxima a unha visión teórica da música e afastada da práctica?
–É certo que vai ser un labor puramente teórico e lexislativo, pero, á par do traballo que desenvolva no ministerio, xa teño novos proxecto, como a publicación dun libro. E dende que a miña mestra e amiga Ana María Navarrete, que é catedrática do Real Conservatorio en Madrid, se enterou que viviría na capital, organizamos xa varios cursos conxuntos, por iso vou seguir en contacto coa música de xeito práctico.
–Cal foi a maior satisfacción que lle ten dado a música?
–A miña etapa como mestra, creo que foi a mellor. Porque neste labor agardas que os cativos aos que ti lles ensinas música chegen ao final. Cheguen a ser mellores ca ti, e que poida eu aprender deles é unha gran satisfacción.
–Como mestra, cre que a paixón pola música é algo co que se nace ou que tamén se pode aprender?
–Sen dúbida, hai xente que nace con dotes para esta arte, pero que sen a constancia e a perseverancia, que son virtudes moi importantes non chegarán a forxarse unha carreira musical. Porén, hai xente que con grandes doses de traballo chega a triunfar, aínda que non teña esas cualidades musicais tan de seu. O ideal é a combinación do esforzo e os dotes, iso é algo que define aos grandes concertistas, pero que non é moi habitual.
–Non bota de menos esa etapa de mestra ou o seu labor na academia musical de Lalín?
–No, en absoluto. Foi unha etapa que rematou cando comecei a miña labor na consellería, e rematou porque era o momento de rematar. Estou moi orgullosa dela porque daí saíron rapaces que agora están acabando os seus estudos musicais en Madrid, Barcelona ou Salamanca.
–Nunca lle atraeu a idea de que a súa vida xirase en torno aos concertos?
–Dentro do mundo da música podes escoller ser concertista, pero a min non me atraía. Eu sempre estiven vinculada á pedagoxía, pódese dicir que son pedagoga de raza e que isto foi ao que quixen adicarme dende un principio.
–Cando naceu esa afición pola música?
–Digamos que eu xa mamei a música dende ben pequena. Lémbrome que meu avó sempre andaba tocando e tiña un bo nivel para aquela época, e máis tendo en conta as dificultades daquel momento. El tocaba a gaita, a trompeta e a percusión. Na miña casa sempre se cantou, nas festas había ambiente musical e iso, axudado de que miña nai nos apuntase no conservatorio, é moi importante para un músico; é una formación que non parece, pero que é básica.