ALFONSO LOÑO - LALÍN
Hai agora 12 anos nacía a Foliada de Lalín da man da asociación cultural Berra como un festival de música tradicional alternativo, cando as citas culturais deste tipo escaseaban en Galicia. A aposta foi pioneira pero non chegou a cumplir dez anos; en 2005 a Carballeira das Casianas acolleu o derradeiro festival, que xa arrastraba problemas para a súa celebración desde facía alomenos dous anos atrás.
Pero o espírito desta festa sigue latente para moitos lalinenses e dezaos que lembran os tres días de festa que había a mediados de xullo neste fermoso entorno natural, que agora só se mantén coma unha fermosa carballeira á beira dun polígono industrial. Hai escasos días creouse no portal da rede social Facebook un grupo de apoio á recuperación deste festival, que conta actualmente xa con preto de 300 simpatizantes; algo que amosa o afecto que os dezaos teñen por este evento, e as lembranzas que lle veñen á memoria sobre as longas noites e días de intensa actividade cultural e de lecer vividas. O grupo de apoio á Foliada medra case que cada minuto e, de seguir así, poderá acadar as cifras de visitantes que tiña o evento lalinense; que podía reunir nun fin de semana de xullo a varios milleiros de personas para bailar ao son da música tradicional, electrónica ou dos distintos conceptos que se amosaron durante eses nove anos.
O funil, símbolo da Foliada, quedou esquecido nalgunhas mochilas ou nos centos de tendas de campaña que se instalaban nas Casianas eses días, pero as gañas de reeditar os seus logros aínda non esmoreceron de todo. Aínda así, isto non garantiza que a cita que comezou con Miguel Fernández, logo con Carlos Montilla, acompañados por ducias de mozos lalinenses se recupere. Pero o que é evidente e que non se esqueceu que neste modesto festival chegaron a actuar artistas como Manu Chao, Flaco Jiménez, Bela Fleck, Lunasa, ou a meirande parte dos grupos de música tradicional galegos dos vigorosos anos 90 para o folk do país. A falla de apoio institucional e distintos problemas para xustificar a contratación das actuacións levaron á Foliada ao esquecemento que agora se recupera, aínda que sexa coma unha ilusión dos que aínda bailan en soños sobre a herba da Carballeira das Casianas no mes de xullo.