SALOMÉ SOUTELO - AGOLADA
Despois de 14 anos como edil do BNG na Agolada, Xosé Ramón Blanco anunciou o mércores a súa renuncia ao cargo. A súa retirada xa era previsible dende hai meses e retrasouse á espera da aprobación dos orzamentos municipais, aínda sen realizar.
–Cal é o balance da súa participación nestes case catro mandatos na política municipal de Agolada?
–Pois foron anos moi gratificantes, aínda que queda moito por facer non pola miña incapacidade senón pola falta de apoio popular para levalo adiante, e con isto non me refiro ao respaldo de votos, que vén sendo do 20% na Agolada xa dende 1995. O máis satisfactorio neste tempo foi o feito de levar a problemática dos veciños ao concello e de exercer a alternativa ao goberno. É dicir, sempre quixemos democratizar a vida municipal e galeguizar o concello, porque antes nin as actas nin a documentación se escribían en galego, a pesar de que nos plenos todos o falábamos. Isto non era un problema dos funcionarios, senón dunha falta de compromiso do PP co idioma, igual que está pasando agora.
–Vostede sempre lle botou en cara ao goberno local a súa inactividade. Cre que moitas das súas propostas non se levaron a cabo por este motivo?
–Sen dúbida, porque o PSOE sempre apoiou as iniciativas do BNG, e viceversa. Así se explica que estea parado o centro de día ou a escola infantil, que estaban xa atados en 2007 e que seguen sen materializarse porque non se puxeron os terreos a disposición. Hai tamén unha falta de compromiso do goberno co pobo, só está por ostentar o cargo e por ir tirando.
–É un problema de alcalde ou de partido? Estaría mellor Agolada cun goberno de esquerda?
–Evidentemente é un problema de partido, o goberno é do PP e por iso queren conservar o que teñen, mentres a oposición loita por unha actuación máis directa para mellorar as cousas.
–Unha das grandes dificultades que tén este municipio é o seu endebedamento. Cando calcula que se solucionará esta situación?
–Parece ser que hai unha proposta do goberno estatal de apoiar o endebedamento municipal, pero non se trata de pagar unhas débedas contraidas nunha época de bonanza. Por iso temo que cos gobernantes que temos agora na Agolada se paguen catro ou cinco facturas en dito plan de saneamento, pero sen dar garantías de que en ano e medio ou en dous anos volcamos caer nun endebedamento.
–Mellorou moito o concello nestes 14 anos en canto a servizos, grazas a ese endebedamento necesario?
–A pregunta sería boa se eu fora alcalde, pero como edil nunca escatimei esforzos en pedir prestacións como xantar sobre rodas ou o citado centro de día. Nós tamén tíñamos unha proposta para rematar o polígono industrial en 2008, mediante a que o concello poñía os terreos e as empresas o diñeiro.
–Cando cre que podería estar rematado o parque industrial?
–Cun bo xestor político podería estar acabado nun ano, pero con Ramiro Varela poderá ser unha eternidade, e iso que lle quedan como moito 400.000 euros de gasto.