SALOMÉ SOUTELO - RODEIRO
O nomeamento de Eliseo Diéguez como director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) supón un paso máis na súa dilatada carreira como experto no uso das enerxías, sobre todo das renovables. Xa na Federación Galega de Municipios e Provincias, o Comité de Concellos con parques eólicos, con el á fronte, conseguiu aumentar os tributos das empresas eólicas.
–Que retos afronta neste novo cargo?
–Penso que temos un traballo importante no Inega, baseado no aforro enerxético e na eficiencia. En canto ao tema dos parques eólicos, que é o máis candente hoxe, remítome ao que dixo o conselleiro, de xeito que se revisará o concurso tal e como se prometeu en campaña. Hai que ter en conta que acabo de aterrizar no cargo, así que necesitarei un tempo para aprender todas as propostas e iniciativas que remite este organismo á Consellería de Industria.
–Fala vostede de aforro enerxético. Cre que a sociedade está preparada para pasar da enerxía eléctrica a outras alternativas, máis baratas pero aínda sen asentarse?
–Ben, de momento é cómodo tirar das enerxías eléctricas (risas), pero penso que unha boa parte dos galegos xa está concienciada. De feito, hai moitas peticións de axudas ao Inega para instalar enerxía solar térmica, biomasa ou biogás.
–Precisamente no seu concello, en Rodeiro, existe unha proposta para poñer en marcha unha planta de biogás. Será punteira a comarca na produción destas novas enerxías?
–Se non é punteira, alomenos ten moitas posibilidades tanto para xerar biogás como para producir electricidade a través da biomasa, porque o Deza ten un gran volume de restos agrícolas e forestais que se poden aproveitar. E a nivel galego estánse convertendo nunha opción a ter en conta, xa que o Inega tamén recibiu diversas solicitudes neste ámbito.
–Industria revisará de novo o concurso eólico, mentres que nos últimos tempos se puxeron en marcha moitos parques singulares. Está próxima a saturación dos montes galegos?
–En absoluto, hoxe en día hai preto de medio centenar destas instalacións, e temos que pensar que no comité de concellos con parques eólicos están 123 concellos, dos 315 que hai en Galicia. Xa durante a miña etapa na Fegamp e na Femp defendín a necesidade de obter máis recursos para os concellos galegos a través dos eólicos, e agora sigo insistindo en que a administración galega tén que atender estas necesidades.
–Falando doutras enerxías, o goberno manifestou a súa intención de pechar en 2011 a central nuclear de Garoña, en Burgos. Segue sendo insegura este tipo de produción?
–A enerxía nuclear de fisión sempre foi un tabú, e mentres non se consiga unha solución para os residuos sempre existirá a polémica.