ALFONSO LOÑO - LALÍN
A Mesa pola Normalización Lingüística sentou onte á noite en Lalín a tres persoas de distintos ámbitos da sociedade para falar sobre a situación actual do galego. O notario Victorino Gutiérrez Aller, o escritor e mestre Gonzalo Navaza e mailo artista Armindo Salgueiro, fixeron unhas pequenas intervencións, nas que explicaron os seus pareceres sobre cómo se atopa o idioma entre a sociedade moderna actual.
No museo municipal Ramón María Aller citouse un nutrido grupo de persoas que, ao rematar as intervencións, tomaron parte nun coloquio, no que houbo alusións á plataforma Galiciabilingüe ou ao decreto do galego que o goberno autonómico amaga con derogar. Gutiérrez Aller defendeu que a normalización da fala non debe estar en mans dos que a rexeitan, e Salgueiro abogou porque os cidadáns puidesen dominar un maior número de idiomas, como parte do seu desenvolvemento persoal. O autor de "Erros e tánatos"foi o que amosou, en parte, un maior optimismo sobre a posición do galego fronte a outras linguas, pero cre que haberá que agardar polas medidas que tome o novo goberno. Na xuntanza, estivo presente a manifestación que se celebra o domingo en Compostela, na que se reivindica que o idioma teña as mesma protección que a outra lingua cooficial. O coletivo que preside Luis Couto, convocou este acto como colofón a outras campañas de sensibilización feitas ao longo das últimas semanas en distintos puntos da bisbarra.