O voceiro parlamentario do Bloque Nacionalista Galego fixo onte dúas breves escalas en Lalín e A Estrada para reunirse con militantes do seu partido. Escoitou as súas reivindicacións e pediulles apoio para aupalo á portavocía nacional da organización. A súa lista, Máis BNG, obtivo na asemblea comarcal (Deza e Tabeirós-Montes máis Cuntis) 21 delegados, polos 47 da UPG e os 10 da opción Listas Abertas, uns resultados extrapolables ao conxunto de Galicia.

-Cal é o motivo de reunións coma as de hoxe (por onte) ás acoden, basicamente, delegados xa afíns a súa candidatura?

-Imos por todas as comarcas dando a coñecer a nosa alternativa para o BNG e reuníndonos con militantes e simpatizantes que nos apoian, pero son reunións abertas. O máis interesante é discutir e analizar entre todos a situación interna e política do país, ver qué cambios son necesarios para que o BNG poida liderar a oposición, que xa o estamos a facer desde o Parlamento, e sexa outra vez alternativa de goberno.

-Qué cambios precisan?

-Estamos convencidos de que o proxecto nacional que compartimos os que estamos no BNG é transformador, pero necesita cambios para ser máis eficaces na consecución destes obxectivos Temos que ser unha organización de masas, acometer os cambios necesarios para que todos poidan ter sitio, porque estar no BNG non debe ser só pagar unha cota, senón responsabilizarse, cada un na medida das súas posibilidades, coa marcha dun proxecto que ou é de masas ou non será. Dirixímonos ao conxunto da sociedade galega, porque o nacionalismo ten que ter un proxecto con vocación de goberno. Unha organización política ten que estar para procurar o poder e transformar desde el a sociedade. Por iso, non lle podemos pedir unha etapa transitoria cun portavoz interino e, ao cabo de dous anos, dicirlle á sociedade que estivemos reflexionando e poñer outro proceso en marcha. Non podemos resignarnos a que o PP goberne máis de catro anos, sobre todo cando nas eleccións houbo unha maioría social que votou a outras opcións políticas.

-Semellan demasiados cambios para unha opción calificada de continuista e quintanista.

-Anxo Quintana non está participando neste debate e non manifestou a quen apoia. Nós non somos a candidatura do aparato, a organización está en mans doutras correntes. Quen é unha candidatura continuista e quen non? Nós reivindicamos o labor de goberno, pero non estamos xordos e sabemos que hai que asumir os erros para non repetilos, como tamén aprofundar nos acertos. Hai cuestións (un sistema galego de benestar, unha política enerxética que pon os recursos naturais ao servizo do país ou a posta en valor do medio rural) que son conquistas da sociedade galega, non patrimonio do BNG, polas que debemos loitar. Temos que ser forza de goberno, aspirar a ser a forza hexemónica en Galicia. O noso papel non é o de ser un reducto de resistencia ideolóxica, senón aspirar á hexemonía sen renunciar ao que fomos.

-Cómo valora os resultados obtidos na asemblea comarcal con vistas á do día 10?

-Vai ser unha asemblea aberta, sobre todo por unha razón: Hai 2.500 delegados elixidos que serán os que decidan libremente qué BNG queren, qué liña política e qué dirección. A decisión está nas súas mans, por iso non debe haber ningún pacto previo.

-Mantense firme, xa que logo, na súa decisión de non chegar a alianzas previas?

-Eu non me atrevería a falar no nome dos delegados elixidos, porque eles van falar libremente e doutro xeito sería privalos dese dereito.

“Alguén entendería que o portavoz do BNG non estivese no Parlamento?”-En qué se diferencia a proposta de Máis BNG das outras dúas coas que compite?

-Nesta asemblea non se presentan tres alternativas, senón só dúas formas de entender o BNG, dentro do que nos une. Unha é Máis BNG e a outra, UPG máis Encontro Irmandiño, que teñen coincidencias importantes. Hai quen aposta por manter un modelo organizativo que deu froitos no pasado, pero que hoxe precisa reaxustes importantes para abrir o BNG á sociedade, estar pendente do que lle preocupa á xente. Non podemos ensimismarnos, dedicarnos á clarificación ideolóxica interna, senón que, aínda en permanente discusión, a tarefa fundamental é actuar cara a fóra, ser un referente social e liderar a oposición.

-Desde o Parlamento, claro.

-Alguén entendería que o portavoz do BNG non estivese no Parlamento? Que non lle puidese dar a réplica a [o presidente Alberto Núñez] Feijóo? Que renunciase á principal plataforma de proxección social e mediática que tén?

-Cómo ve ao BNG nunha bisbarra que segue a ser un feudo fundamental do PP?

-Está experimentando unha renovación importante e seguramente vai saír cun novo impulso, coma no resto de Galicia, da asemblea do 10 de maio. En Deza tamén é un referente de oposición ao PP.

-A súa candidatura na zona foi abandeirada polo estradense Gonzalo Constenla. Cal vai ser o seu futuro se vostede resulta elixido pola asemblea para dirixir o Bloque?

-É unha persoa que ten o futuro nas súas mans, será o que el queira ser no BNG. Capacidade, traballo, compromiso..., teno todo. É un luxo ter xente coma Gonzalo ou coma Belén [Pazos, portavoz municipal en Cuntis] como compañeiros. É unha garantía de cara ao futuro.