O museo etnográfico Casa do Patrón, de Codeseda (Doade), acolle mañá, ás 20.30 horas, a conferencia do escritor e poeta Antón Alonso Fontán coa que arranca a segunda edición do certame “Atespantallos”, que este ano promocionará a ruta xacobea Vía da Prata. A iniciativa do colectivo cultural La Cañada del Arte, de Covelo, colocará espantallos en distintos puntos docamiño ao seu paso polos concellos dezás de Lalín y Dozón ou os ourensáns de Piñor, San Cristovo de Cea e Vilamarín. Alonso Fontán é autor de prosa e poesía en galego e castelán, e colabora en distintos medios de comunicación galegos como o FARO DE VIGO.

-De qué falará mañá na Casa do Patrón de Codeseda?

-Falarei da cultura popular e o moito que hai que facer por este país para recuperar a importancia das comarcas e as súas costumes máis tradicionais.

-Vostede ten fama de incorformista e de estar contra o establecido.

-E que os políticos deste país, ou nación, foron malos, e algún moi malo. Penso que os galegos temos que ser máis abertos e máis modernos porque queda moito por facer. Son un defensor do sistema cooperativista explotado polas propias comarcas. A cada comarca habería que aplicarlle o que mellor lle vai, e iso non se fixo nunca polos que nos gobernaron. Temos unha grande riqueza que está moi mal aproveitada, e así non hai maneira.

-Véxoo moi pesimista coa situación do país.

-E que aquí non saimos de cepa torta coas últimas lexislaturas. Este país está sofrindo uns atrasos tremendos. Calquera pode comprobar que en Galiza estamos á cola da cultura, o ensino e a sanidade. E sodes os medios de comunicación os que teríades que rachar con esta situación tan penosa.

-Os espantallos poden ser reivindicativos?

-Non o sei. Os Espantallos son máis vellos co millo. Na miña terra, por exemplo, estaban para escorrentar pardales. Houbo intentos, fai moito tempo, na escola de Lourizán, con Cruz Gallástegui, para facer de Galiza un gran agro de millo que non prosperou. Incluso a empresa Maizena tentou sacar proveito pero, unha vez máis, este país perdeu a oportunidade de facer valer os seus recursos autóctonos. En canto a Artespantallo, todo o que seña recuperar as tradicións e despertar ilusión paréceme moi ben.

-Coñece a comarca do Deza?

-Tiven moita amizade con Laxeiro e Colmeiro, e poiden estar varias veces no Deza, unha comarca, tamén, con moitísimas posibilidades. Penso que é unha zona interesante coas súas propias peculiaridades e cun potencial moi grande. Galiza ten que fundamentarse na diferenza, algo moi enriquecedor que noutras partes do mundo é algo moi apreciado.

-Haberá coloquio ao remate da charla na Casa do Patrón?

-Sí, sempre o fago nas miñas comparecencias. Góstame que a xente participe en actos así. Ademáis, penso que ameniza moito máis que si só falo eu ou calquera. Un tema como o das tradicións préstase para tentar facer un diálogo fluido no que todo o mundo pode opinar, porque trátase de falar do noso. E a única maneira de que os que asistan a unha presentación coma esta estean a gusto.