Manuel Lamazares pasa por ser un dos alcaldes da zona con máis tempo no cargo, xa que estivo máis de 32 anos, dende o 1966 ata que cesou na política, en 1998. Lembra que a primeira corporación democrática de Rodeiro foi composta por el mesmo “e sen ningún tipo de imposición”, baixo as siglas de UCD, á que estaban afiliados os 14 compoñentes da candidatura. Nas súas filas, e ocupando o número dous da lista, atopábase Beladino Vázquez, edil xa dende 1958 e que cesaría na política case medio século despois, en 2007, chegando a ser o concelleiro máis veterano de España.

- Como foi o seu inicio na política local?

- O nomeamento fora o 3 de marzo de 1966, lembro que estaba en Lalín e tiven que vir á présa para asumir o cargo. Daquelas eu tiña 34 anos.

- Desa maneira, xa dispoñía dunha dilatada experiencia cando chegou á hora de votar aos alcaldes, no 79.

- Así é, pero tamén é certo que tiña máis responsabilidade, polo menos moral, na época de Franco, porque o cargo viña imposto dende arriba e dalgunha maneira tiñas que respostar. Quero dicir que antes da democracia non había un interese político, unha ideoloxía tan clara como a partir do 79. A partir dese ano tiven sempre oposición política, que xa se encargou de velar porque eu cumplira os meus cometidos, tanto cando mandaba baixo as siglas do partido de Adolfo Suárez como despois con Alianza Popular e, por último, co Partido Popular.

- Na súa lista tamén se integraba o que despois sería un histórico do socialismo en Rodeiro, Horacio Ferradás Gómez. A que se debeu este posterior cambio de filas?

- Bueno, xa dixen que nesa primeira votación non había unha ideoloxía política clara, senón un interese común de formar goberno e seguir tirando polo ben do pobo.

- Lembra como fora a participación política nesas primeras votacións?

- Pois moi alta, xa que eu ademais de ser un veciño tamén era mestre no colexio de Rodeiro. Tamén hai que ter en conta que por entón o municipio contaba con máis de 5.700 habitantes, e por iso se dispuxeron 11 mesas electorais. As cifras nada teñen que ver coas de agora, pois nas últimas eleccións locais había sete mesas, dado que a poboación decaeu bastante e hoxe case non supera os 3.200 residentes.

- Que cambios se deron tras as eleccións democráticas?

-Penso que as transformacións aquí foron moi sutís, porque en realidade os rodeirenses refrendaron un alcalde que xa levaba tempo aquí. Por iso o cambio foi menos acentuado que noutros concellos próximo como Agolada, onde Manuel Costa derrocou a Yebra. Tamén, por ese motivo, nos primeiros anos da década dos 80 o que fixemos foi retomar ou finalizar obras que xa se comezaran na época de Franco.

- Que obras destacaría como fundamentais desa etapa?

- Xa co Instituto de reforma e Desenvolvemento Agrario, o Iryda, puxéramos en marcha unha rede de camiños que melloraron a comunicación municipal, grazas a unha axuda de 240.000 euros. E tres anos antes das eleccións do 79, xa inauguráramos o colexio. Lembro que a concentración escolar se fixera axiña, así como a Casa da Hermandad, que foi un servizo imprescindible para os gandeiros na época. Este edificio fora o precursor das Cámaras Agrarias. As necesidades que tiñamos nos anos 70 e 80 eran similares ás de todos os municipios, así que o primeiro que fixemos coa chegada efectiva da democracia foi reformar o centro de saúde, construido xa nos anos 50, e instalar a rede de electrificación en todas as parroquias.

- E hoxe, 30 anos despois, que falta por facer en Rodeiro?

- Uf, nun concello nunca se rematan as obras nin as reformas. Hai que pensar que tanto as estradas como o mobiliario urbano ou outras dotacións para o lixo, a iluminación ou incluso a sinalización se van deteriorando. Co paso do tempo tamén aparecen novas necesidades, como a mellora do sinal de televisión, tan discutido na corporación local, ou o acceso a internet, que na sociedade de hoxe xa parece imprescindible para nenos e incluso maiores.

- Dende o 79, sacou maiorías absolutas ata o ano 1995, a última vez que se presenta aos comicios. E decide abandonar o cargo tres anos despois e a medio mandato, por que?

- Porque considerei que era o momento oportuno, cando o meu sucesor e daquela número tres da lista, Eliseo Diéguez, estaba xa preparado para gobernar. O certo é que dende aquela non boto en falta, para nada, o mundo da política. Hai que pensar que fun docente antes que político, así que queda clara cal foi a miña vocación profesional.