O edil de Turismo de Lalín, Nicolás Varela, exerce ademais de vicepresidente do recén creado Consorcio de Turismo de Lalín, posto en marcha para converter este sector nun puntal económico do municipio.

- Que actividades deseñou o Consorcio de cara ás vacacións de Semana Santa?

- O certo é que Lalín non adoita ser un referente turístico durante a Semana Santa, xa que as súas procesións non son o maior atractivo da zona, ao non contar tampouco con confrarías., e de aí que si congreguen aos veciños pero que non se convirtan nun reclamo para a xente de fóra. Sen embargo, si é certo que os hoteis rexistran estes días unha alta ocupación, pero grazas ao comezo da Lalín Cup de bádminton, xa que 90 dos 100 participantes son de fóra da capital de comarca. Por iso, e de cara á vindeira Semana Santa, temos que botar man do tirón deportivo que tén Lalín para que hoteis e restaurantes teñan bos resultados. Aínda así, non esquecemos tampouco que contamos con casas de turismo rural que tamén hai que fomentar, para de paso axudar a coñecer o noso entorno e as actividades de ocio que organizan varias empresas e o colectivo de Ouro Verde.

- Desta maneira, a paisaxe convértese noutro aliciente turístico na comarca.

- Así é. Por iso estamos traballando en actividades que se desenvolverán no tramo do Camiño de Santiago, tanto na Vía da Prata coma no Camiño de Inverno, así como noutros aspectos como unhas xornadas de medicina natural, que organizamos en colaboración co Museo Casa do Patrón e que, segundo as previsións, terán lugar en xuño. Así pois, centrarémonos en actos para o verán e para Nadal.