Alfonso loño  Vila de Cruces

O poeta do Morrazo Bernadino Graña recibeu onte na sé da Fundación Xosé Neira Vilas de Gres o galardón da quinta edición do premio Estornela de teatro infantil, dotado con 1.500 euros. O autor, nado en Cangas no ano 1932, lembrou a trascendencia do que representa o mundo dos cativos no seo da sociedade actual. Na súa intervención, logo de que a delegada provincial de Cultura, María Xesús López Escudeiro, lle entregara o premio, dixo que lle gustaba escribir textos coma este para os máis pequenos "porque eu tamén me considero un neno".

Aínda que preferíu non valorar a obra "Larpancia saborosa do lobo e da raposa", coa que gañou o Estornela deste ano, sí falou da "ternura e a ilusión que xeneran os nenos" así como do seu papel nas futuras xeracións. "Hai que traballar para que haxa cada vez máis esperanza de mudar o mundo e facelo mellor. Queremos ser nenos e, coma eles, decir verdades", dixo. Bernardino Graña tamén aludeu á literatura como ponte para acadar estes obxextivos e, ademais de lembrar aos presentes a importancia da lectura na formación dunha persoa, valorou a importancia de que se cultiven e difundan todos os xéneros literarios. "Que viva a palabra e que vivan os nenos", con esta frase despideu o seu pausado e aplaudido discurso. O acto comezou preto das cinco e vinte da tarde coa lectura do faio do xurado a cargo do secretario da fundación, Luis Reimóndez, que lembrou que o tribunal quixo destacar a obra do gañador coma "unha fábula versificada para ser representada con monifates, marionetas ou actores, ademais de exemplificar de xeito humorístico o mundo dos contrastes, o do reino animal fronte ao dos humanos, a inxenuidade fronte á ambición".

A delegada ensalzou as virtudes do premiado, sobre todo "por escribir para nenos, que aínda que poida parecer o máis doado, crear esa ilusión entre os pequenos non o é tanto", dixo. Tanto escudeiro como o alcalde de Cruces, Jesús Otero, lembraron a relevancia do traballo que se fai desde a fundación que preside Xosé Neira Vilas.