Xanela é o pseudónimo empregado pola persoa autora da carta gañadora do sexto concurso epistolar "Dillo a quen maltrata", convocado polo Concello de Lalín co gallo da celebración do Día da Non Violencia, o 25 de novembro. Correspóndenlle 300 euros, un diploma e a publicación da misiva, candas as outras catro escollidas onte polo xurado de entre as 106 recibidas.

O segundo galardón foi para Xoán Francisco Pérez Argibay, tamén de Santiago, ao que lle corresponden 200 euros; o terceiro recaeu en Alba Cid Fernández, de Ourense, dotado con 100 euros; e, a razón de 50 euros cada un, obtiveron recoñecementos as cartas asinadas por Aturuxo, de Santiago, e Isabel García Viñao, de Jaca (Huesca). O xurado estivo formado polas concelleiras Paz Pérez, Guadalupe Nóvoa e Beatriz García; Ramón Torrente, da Asociación Homes Galegos pola Igualdade; Gumer Portas, de Radio Lalín; Teresa Rocha, psicóloga do CIM; e Celso Taboada, técnico de Igualdade.

Por outra banda, hoxe seguen as actividades organizadas polo concello contra a violencia. Así, haberá obradoiros de creación de paneis artísticos na Casa da Xuventude de Lalín (16 horas).