EN DIRECTO

CARTA GAÑADORA, Xanela: "Xa non teño medo"

 

Podería insultarte de tódalas maneiras posibles. Podería soltarte unha restra de improperios, de inxurias, converter a miña boca nunha metralleta de maldicións. Afundirte na lama, para que afogues na dor dos teus golpes e a respires ata que fiques sen folgos, e inda así non abondaría. Pero non quero.
Podería, e debería, mirarte de fronte cun ollar frío, conxelado, atravesando a nada, porque en nada te tornas, e pouco a pouco te baleiras de todo xermolo, de toda luz, e ficas só, na escuridade, nunha noite sen noite. Podería desprezarte, illarte, facerte anicar para sempre. Pero non.
Incluso sinto, moitas veces, moitas, a carraxe, as ganas urxentes, case unha necesidade, de destrución, de varrerte deste mundo, de verter en ti todo o sufrimento e máis, tódolos soños crebados que nunca che devolveron, de tatuarte coa miña rabia os laios, os berros, os choros, cada bágoa, para que, indelebles, te atormenten para sempre.
Non.
Non. Vou ficar quieta, diante de ti. Mírame.
Vouche abrir os ollos, as pálpebras ben suxeitas coa verdade, e mira. Mira nos meus.
Son Eu, Ela, todas Elas, Eles.
Nas meniñas teño un mundo, son centos, miles. As que o viven en propia carne, as que loitan de lonxe, os que arriscan na rúa, as mortas, tamén.
Son Eu, Elas, Eles, Todos.
Ímosche mostrar cada cara, cada rostro.
Mira. Mira a pel marcada, os brazos rotos, as orellas arrincadas, as cabezas pisadas, os narices afundidos, as pernas trituradas, os peitos machucados, os ventres desfeitos, os beizos partidos, os pescozos tortos, a pel queimada. E mira, mira máis dentro. Mira os corazóns detidos, os fetos asasinados, asfixiados, os pulmóns atravesados, a carne gangrenada, os músculos paralizados, as vértebras seccionadas, o cerebro torturado, o bazo sangrante, os corazóns detidos. E máis dentro, mira máis dentro. O medo, o terror, o tempo que se detén, que non pasa, as humillacións, o autodesprezo, a culpabilidade, os nenos polo medio, o pasalas putas, as desculpas covardes, o medo, o corazón que murcha, a desconfianza, o terror, o cárcere, o non poder saír nin entrar, o leito tornado cadaleito, o escapar, o fuxir desesperado, o frío da rúa, o amor desprezado, o medo, as burlas que feren, o horror, a incredulidade, a merda ata o pescozo, a angustia de cando volve, o ruído da porta ó pecharse, ó abrirse, as saídas todas fechadas, os ferrollos invisibles, o medo, o tremer convulso, incontrolable, o alento na cara, a man no pescozo, as violacións, todas, o frío da fiestra aberta, a incapacidade aceptada, asumida, a involución, o decrecer, o minguar cada vez máis, o medo, a submisión cega, culpable, os desprezos, o corpo espido contra vontade, a alma desfeita, o frío nos ósos, a pel sen cor, a indecisión mortal, o medo. O medo.
Mírao. Mírao todo. E lévao.
Leva contigo todo iso, todo o lixo que nos botas por riba. Tómao. Non me pertence. Non nos pertence. É teu, só teu. Queda con el, queda con el na túa soidade, no teu niño de nada, ti que te baleiras de toda luz.
Por iso, Non.
Non te insultarei nin te destruirei coa forza, nin me recrearei no desprezo. Porque en nada me quero asemellar a ti. Só leva o que che corresponde.
Devólvocho Eu, Ela, El, Todos. Porque somos milleiros, billóns.
Eu marcho, marcho. Son vida e gozo. Son liberdade. Son a semente de sementes, expansiva, creadora, que rebenta as pareces da gaiola, que fai caer o pano da vergoña.
Son Eu, Elas, Eles, o manto humano que cobre o mundo e alza un berro ata o alén:
Xa non teño medo.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
¿Qué piensa hacer hoy? ¿Tiene algún plan para el fin de semana? Consulte todos los eventos culturales en nuestra agenda... más »
Le ofrecemos un espacio propio para hablar de lo que más le guste. Cree un blog en el espacio que Faro de Vigo pone a su disposición... más »
Contemple la Ría de Vigo en directo desde la cámara situada en la sede de Faro de Vigo, situada en Chapela... más »
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya