O entorno do santuario da Saleta volveu ser onte o escenario natural idóneo para reunir a centos de nenos e non tan pequenos que desfrutaron coas moitas propostas que a organización tiña preparadas para todos. Ni a calor sofocante que fixo durante toda a xornada de onte foi un impedimento para que os silledenses, e moitos veciños doutros concellos da comarca desfilasen por cada unha das actividades que había pensadas para o público. Os aparcamentos, promovidos pola comisión de festas de verán de Silleda quedaron pequeños para acoller aos coches que ían chegando ao longo da tarde. Pola mañá, moitos silledenses desplazáronse coa familia para celebrar unha comida na fermosa carballeira desde a que se divisa o auditorio no que logo desfilarían os nenos.

Pero nesta celebración, non todo se limita ao aspecto lúdico, senón que tamén ten un marcado carácter didáctico. Así, na entrada ao recinto situábanse os distintos obradoiros nos que o público podía coñecer traballos de vello ou mesmo elaborar as súas creacións, sen esquecer os talleres de maquillaxe nos que se pintaba a cara aos nenos lembrando o Entroido pasado. Xa pola tarde comezou o groso do programa con mostras de títeres, a cargo de A Xanela do Maxín, e Carton Louf, o espectáculo de malabares de Kote, ou as caricaturas que facían os artistas a un prezo de 5 euros e cuios fondos se enviarán á oenegé Payasos Sin Fronteras.

Entre o público, o mimo arxentino Diego Spano, caracterizado de Charles Chaplin, repartía sorrisos entre os presentes e convidávaos ao espectáculo que fixo preto das sete da tarde, ante un ateigado auditorio. O desfile, como é habitual, foi se cadra o acto máis participativo e o máis seguido polos pais e parentes dos nenos que exerceron de modelos por un día, ataviados cos traxes que eles mesmos elaboraron ao longo das últimas semanas, coordinados polo colectivo local Acode. O espectáculo de fin de festa; Benito e Don Gordito, correu a cargo de dous actores que encarnaban dous personaxes distintos que, en clave de humor, abordaban exercicios con diábolos, de maxia, equilibrios, probas con pratos chineses, e algunhas máis.

Este ano, a organización correu a cargo da empresa local Coas Mans con Toño González Abal e Lucía Ares, como coordenadores e presentes en todo momento do que acontecía no recinto. Entre o público tamén se deixaron ver a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, acompañada dos edís de Cultura, Manuel Cuiña, e de Medio Ambiente, Gerardo Lázara. Siador volveu ser onte o parque temático da ilusión.