Silvia Pampín / A ESTRADA

A piques de cumprir un ano ó fronte da Alcaldía da Estrada e 8 meses despois do pacto de goberno PSOE-BNG, o socialista José Antonio Dono repasa o primeiro ano de lexislatura e os proxectos pendientes.

- Como valora este ano, antes e despois de que PSOE e BNG rubricaran o pacto de goberno?

- Eu non faría diferenciacións dese tipo. O resultado electoral provocaba un cambio. Era cuestión de tempo, de negociación que se plasmase no goberno.Antes e despois os plantexamentos eran similares. Non houbo ningún cambio drástico. A valoración é positiva. Pero non só houbo un cambio político. Tamén de mentalidade, de qué se entende que é o concello, cómo debe funcionar e qué debe facer o alcalde. Teño unha idea diferente da que se viña practicando. Sen criticar a ninguén porque son opcións. A miña particular: hai moitos cambios que facer aquí. Non son fáciles. Na administración son moi lentos. Pero pouco a pouco daremos pasos pequenos que ó final van transformar o concello. Estou absolutamente convencido.

- O pacto explicitaba o compromiso de aprobar o PXOM nun ano. Estase a remodelar o do rural, Política Territorial concedeulle ó concello unha subvención de 309.832 euros e o conselleiro de Medio Ambiente confirmou que o seu departamento axilizará o seu visto bo ó PXOM. Cre que está cerca a aprobación do documento?

- A Estrada tiña un problema fundamental: ausencia total e absoluta de infraestructuras básicas e un problema económico derivado da parálise do sector productivo da construcción. Nisto é no que eu me estou a centrar. A Estrada ten que ter infraestructuras básicas -que non ten- deste século; un Plan Xeral; solo industrial; e ten que estar dando licenzas e construindo porque se non a crise económica é irreversible. Nisto nos centramos. Que sucede? O do Plan Xeral non está nas nosas mans. A subvención da consellería tardou 8 meses en chegar e tardaranse meses en contratar o equipo por imposicións da administración: prazos, publicacións... Puxemos en marcha o que podiamos, facendo un traballo -o do rural- que adiantamos para que esté rematado cando se contrate o resto. Isto é fundamental. Pero, sen descoidar isto, centrámonos en dar licenzas para que se empece a construir... Van 300 de vivendas polo menos. Este luns irán máis. Demos licenza para o polígono industrial de iniciativa privada, que levaba 6 anos aparcado no concello. Está listo para urbanizar e hai parcelas en venta. O polígono do moble, que se rumoreaba que estaba parado, está claro que non: está en exposición pública e, se todo marcha como é desexable, estará en marcha no próximo ano. Fixéronse as cousas realmente importantes. Tamén se traballa no aforro en gasto corrente, na mellora de servizos e de participación na vida do concello. Hai un cambio evidente. Este ano, por ser o primeiro, sempre é onde menos logros se ven. Pero hai que ver que se estivo traballando e ser consciente da lentitude da administración para levar a cabo proxectos. Hai un cambio de mentalidade desde o goberno municipal que pretende lograr o que non temos e que é absolutamente imprescindible para buscar o desarrollo deste pobo: PXOM, infraestruturas básicas, solo industrial... O que falamos sempre. Todo está en bo camiño..

- Teme que se non se aproba o PXOM antes das vindeiras eleccións autonómicas un cambio de cor política da Xunta puidera prexudicar a súa aprobación??

- Non temo nada porque se vai aprobar o PXOM antes das eleccións autonómicas. Non vou a dar unha data pero no espazo máis curto posible. Ésa é a vontade miña ainda que non teño maioría absoluta no pleno. Pero se alguén non quere apoiar o Plan Xeral, vai ter que dicilo. Non vou buscar unanimidades. O que teño que facer é poñer os medios para que esté para aprobar bastante antes das eleccións. Con tempo suficiente. Teño o compromiso das consellerías de que se informe rapidamente o Plan. Xa o dixo o conselleiro de Medio Ambiente: que os trámites medioambientais se van axilizar. E o director xeral de Urbanismo. Con Urbanismo tivemos xa conversas para que o PXOM da Estrada sexa tratado con axilidade. Iso está claro. Pero eu non teño maioría absoluta e non podo garantir que o Plan esté listo. Se non sae adiante non vai ser por culpa nosa. Imos a ter o Plan e ímolo propoñer a votación. E o que queira votar en contra, que vote. Alá a súa conciencia, el saberá o que fai.

- A oposición cre que, dado que o pacto de goberno PSOE-BNG se fixaba como obxectivo aprobar o PXOM nun ano, se isto non se acada o acordo de goberno debería desfacerse...

- É o que ten que facer: está para facer oposición. Se aplaudise ó goberno comezaríame a preocupar. Mentres diga que as cousas van mal é que vou polo bo camiño. Este pacto funcionará ou non pero iso decidirémolo os que estamos nel.

- PSOE e BNG como parella de goberno... lévanse ben ou teñen unha convivencia difícil?

- Son dous partidos diferentes. Se pensaramos o mesmo estariamos no mesmo. A partir de aí hai un pacto que está en pleno vigor. Estamos traballando como goberno desde que se constitueu e non hai ningunha cousa máis.

-En relación coa autovía a Santiago, cando se abrirá á circulación o primeiro tramo e se construirá o segundo?

- O primeiro tramo da autovía non é tal tramo: chámase "variante de Cacheiras" e foi pensada para quitar o tráfico da entrada de Santiago. Creo que entrará en funcionamento neste ano e, en todo caso, antes das eleccións autonómicas. A autovía á Estrada está en fase de estudio, que durará aproximadamente un ano. Terémolo para o verán do ano que vén. A partir de aí se decide qué facer, cómo, por onde... Se fará o proxecto e eu creo que podería licitarse... Hai prazos, exposicións ó público... pero debería de licitarse antes das próximas eleccións municipais. Ésa é a previsión lóxica. Non creo que teña que ter retraso. Queremos que se faga. Valoramos positivamente feitos concretos que nos permiten afirmar que é unha realidade. De estar en dúbidas de facer a autovía ou non... Hai que recordar cando Núñez Feijóo falaba de que a densidade do tráfico... non para facer unha vía de 4 carrís ou de 2... Era para non facer nada. Pasamos diso e de manexar a idea, a que no Plan de Estradas de Galicia esté esa autovía; nos orzamentos da Xunta; e que esté en marcha un estudio informativo. Son pasos que se dan cando se van a facer as cousas, non cando se enreda. Pasamos do enredo á realidade. Está en marcha e imos tratar de que se axilice a licitación, da que se falará o próximo verán.

-Na campaña estatal o deputado Antón Louro prometeu que a variante da Estrada estaría executada en 2 anos. Prevese que se licite integramente este ano?

- Si, si, si. Está para licitar neste ano. Retrasouse un pouco polo cambio da nova Ley de Contratos del Estado. Pero se nun mes ou dous non vexo avances vou insistir. Non me vou a olvidar. O interese da Estrada é que, sobre todo, as variantes ata Caldas se executen. Vou defender os intereses da Estrada diante de quen sexa. Non só do alcalde de Lalín senón dos doutros lados se é necesario. Necesitamos esas variantes e vou loitar por elas. A Estrada precisa vías de comunicacións do século XXI. Non podemos ir por un vial ata Caldas con travesías, limitacións a 50... Imposible. O primeiro que mira unha empresa á hora de radicarse nun pobo é iso: a canto tempo está da autopista, do porto, da estación do tren...? Sinto moito se alguén se sinte prexudicado porque se fagan estas variantes pero non vou deixar de pelexar por elas. É o meu deber. Pero con respecto á da Estrada, espero que se licite neste ano. Ainda que sexa a finais. Por iso vou loitar "a morte".

-E as variantes de O Sol e da Portela?

-A do Sol está en estudio. Incluso hai a idea de que poida simultanearse coa da Estrada, que en vez de meterse en Callobre siga xa cara arriba. Beneficia sobre todo ó norte da provincia: Silleda, Lalín... hacia a costa, venlles moi ben. A nós tamén porque teriamos unha saída máis rápida para arriba ainda que xa digo, ainda que parece que ésta vai máis rápido, a prioritaria para nós son as outras: a da Portela e a de Cuntis. Parece ser que son as que teñen os problemas pero eu vou seguir loitando porque son prioritarias.

- Aludía ó alcalde de Lalín, facía referencia á súa oposición á autovía Pontevedra-Lugo por Lalín tal como se plantexaba...

-Non teño ningún inconveniente en que pase por Lalín. O que si quero é que se fai unha autovía Pontevedra-Lalín-Lugo se conte coa Estrada. Non se entende un trazado Pontevedra-Lalín que se salte 100.000 habitantes polo camiño. Iso non o entende ninguén. Noutras épocas, aquí ó mellor se calaba a boca. Pero eu non me vou a calar. A miña obriga é defender os nosos intereses.

- En relación co vial de alta capacidade Caldas-A Estrada-Silleda que a Xunta proxecta construir, cando se construirá e por onde irá o seu trazado?

- O que se nos explicou en Santiago foi que había un organigrama de vías de alta capacidade, conexións portos-grandes cidades-vilas de Galicia. A proposta da consellería no caso da Estrada paréceme correcta. Posiblemente ese vial se unise coas autopistas AP-53 e AP-9. E uniría poboacións importantes. Me parece un bo planteamento. Cando se vai executar? Para A Estrada primeiro é a autovía a Santiago. E a circunvalación da Estrada

- Xestur ten consignado 9,5 millóns de euros para a Cidade do Moble. Falta moito para a urbanización desa área industrial?

- Non. O proxecto estivo a exposición. O concello non alegou. Sei que vai haber alegacións pero o proxecto contempla o que plantexaba a Consellería de Medio Ambiente: protección ó regato, protección moi ampla ó río, depuradora... leva todo tipo de servizos. Entendo que non vai haber ningún problema ainda que haxa alegacións. Polo tanto, en 4 meses, podería estar o proxecto aprobado definitivamente. Ten que informar ainda a consellería de Medio Ambiente e se ese informe é favorable a finales deste ano ou principios do que vén se pode empezar a urbanización.

-O Goberno central concedeulle á Estrada unha segunda sala xudicial e a Consellería de Presidencia anunciou a construcción dun novo xulgado, que prazos barallan

- Estas medidas valorámolas moi positivamente. Ó pouco de ser candidato á Alcaldía xa lle falara ó conselleiro de Presidencia da necesidade do novo xulgado. Díxome que o ía falar en Madrid. Sorprendeu a rapidez coa que se fixo esta xestión. Temos o xulgado saturado. O propio ex conselleiro de Xustiza o recoñecía... Non o fixo el pero reclamábanolo a nós. Me sorprendeu a rapidez coa que o deixou sen discurso. Cedemos un local.O proxecto para remodelalo está rematado. O plazo para poñer en marcha ese xulgado é o cuarto trimestre deste ano. A obra pode rematarse se durante o verán se licita. Por outra parte, imos a ceder terreo para construir o novo edificio de xulgadox. Pero non temos PXOM e isto nos complica. Estamos cun plan especial de infraestruturas para ceder terreos para centro de día-residencia e xulgado. Nun mes ou menos estará listo. Fixen xestións e en Medio Ambiente vai ser un trámite rápido. Temos que facer o trámite con Urbanismo. Nesta lexislatura á Xunta temos que terlle cedidos os terreos. En 2009 podería licitarse a obra e xa se poderá construir directamente porque xa estará destinado a iso.

- E a residencia de maiores?

- Pedimos a adhesión ó Consorcio e estamos esperando a resposta da Vicepresidencia. Fixéronseme comentarios de que iso vai ir adiante pero son prudente ata que haxa confirmación.

- Falaba antes do ambulatorio, para cando?

- Hai confirmación de construcción pero para cando ainda non está claro. De tódolos xeitos, probablemente a conselleira de Sanidade veña proximamente. Temos que conseguir os terreos e imos tardar un pouquiño pero tan pronto os consigamos, ímolos ceder. O centro novo terá máis especialidades e equipamento. Mentres tanto, en días vaise poñer en marcha o Sintrom capilar.