Silvia Pampín / A ESTRADA

A punto de cumprirse un ano da chegada do socialista José Antonio Dono á Alcaldía e 8 meses despois de que o pacto de cogoberno PSOE-BNG a convertirse en primeira tenente de alcalde, Raquel López Doce fai balance dos logros acadados e dos obxectivos para o futuro.

- Que valoración fai do primeiro ano de lexislatura, antes e despois de que PSOE e BNG rubricasen o pacto de goberno?

- Deste ano un pouco menos da metade pasámolo na oposición. Xa levamos 7 meses como cogoberno. O noso labor na oposición foi constructivo, como sempre. A valoración do noso labor en oposición e goberno é positiva... Pero hai moitos atrancos. Criamos que tiñamos un diagnóstico moi claro da situación do concello pero, lamentablemente, era peor do que se podía agardar. Con moito esforzo estamos sentando as bases para o que vai ser un traballo necesario en beneficio da Estrada. A entrada do BNG no goberno foi moi positiva.

-Cando rubricaron o pacto de goberno, indicou que o "cerne" do goberno bipartito nos seguintes 12 meses ía a ser supera-la carencia de Plan Xeral, coida hoxe que a súa aprobación está próxima?

-Confío plenamente na capacidade do Partido Socialista, dos compañeiros do cogoberno deste concello en cumplir o acordado.

- Segue pensando que o PXOM se debe contrastar no Consello Económico e Social?

- -Si. Xa che podo adiantar que Xan Carlos Castro me dixo que o Consello se vai constituir o martes 24 de xuño ás 20.30 horas. Convocarase nestes días. Serán os seus membros os que decidan os ámbitos do análise pero entre eles supoño que estarán o PXOM, a situación de desemprego (que é máis grave no noso concello que noutros do ámbito comarcal) e as infraestructuras. Os grandes temas que nos preocupan a todos.

- A oposición cre que, se nun ano o cogoberno non acada o obxectivo de aprobar o Plan Xeral, debería desfacerse o pacto...

- Sei que hai moita xente á que non lle gusta que houbese un cambio político neste concello e que, especialmente, lle desagrada que o BNG estea no goberno. Confío plenamente na capacidade dos compañeiros do PSOE en cumprir o acordado.

- Son o PSOE e o BNG unha parella ben avida ou hai "problemas de convivencia"?

-Somos dúas forzas políticas distintas. Temos diferencias pero tamén temos claro que, a nivel local, e tamén a nivel de país... hai cuestións nas que cada un desde a súa responsabilidade podemos traballar en común para mellorar as cousas. Temos claros os obxectivos desta alianza. E como en tódalas relacións: hai cuestións que non suscitan discrepancias e hai outras que si... Pero coincidimos no elemental.

- Para obxectivos como superar a carencia de solo industrial, en que medida se ten avanzado?

-Referíndonos ó que pode promover o concello, avánzase en Urbanismo para que poida ser unha realidade a ampliación pública de Toedo. Os 5 equipos ós que se lle contrataron os traballos técnicos para correxir o Plan Xeral no rural están xa a piques de entregar. Despois ainda falta unha fase máis ampla pero estase traballando. Esta mesma semana se aprobou o proxecto de Sansinaes. E xa rematou o período de exposición pública dun mes da Cidade do Moble. A xunta de goberno acordou non formular alegacións porque o proxecto está correctamente formulado e idóneo para os intereses do noso concello. Falta ainda a outra parte e despois informes de organismos sectoriais para aprobarse definitivamente no Consello da Xunta, adquisición de solo, urbanización...

- ¿Para cando?

-A conselleira de Vivenda informounos de que estaba previsto que saíse a exposición pública en abril. Houbo unha pequeniña demora. Se hai algunha alegación, hai que informala e resolvela. Dependerá da súa complexidade... Vexo moi difícil que esté rematado para aprobar en xullo no Consello da Xunta. Supoño que aprobará despois do verán. Despois, ó seguinte paso.

- ¿En 2009 veremos obras?

-Si, si. Convencidísima. Os pasos longos e que se poden complicar son agora. Despois, creo que vai ir como un foguete.

- Como van as xestións pola variante prometidas pola deputada Olaia Fernández en campaña electoral estatal?

-Neste momento, non se está negociando o orzamento do ano 2009. Iníciase en setembro. Olaia insistirá. É unha demanda que o BNG no Congreso leva plantexando varias lexislaturas. Estamos nunha situación boa no Congreso: non se dou unha maioría absoluta. Se é o caso que se poidan establecer condicións, a nosa variante vai a ser unha. Teño a certeza. Se o Goberno non a consigna será condición "sine qua non". Compromiso de execución, non só de consignación.

- Que balance fai destes 8 meses ó fronte da Concellería de Medio Rural?

-Positivo. Pero queda moito por facer. Hai que priorizar carencias e buscar cómo resolvelas. Os desbroces non funcionaban debidamente. Cun concello con tal rede de pistas e de estradas locais, precísase un mínimo de mantemento. De aí os esforzos en negociar con Medio Rural e lograr un novo tractor con tódolos apeiros. Ademais temos unha gran rede de viais asfaltados en malas condicións. O camión de bacheo do concello non dá abasto. Imos externalizar un bacheo puntual para poñernos nunha situación aceptable. Se non, é imposible. Os baches non apareceron nos 6 últimos meses. Había un déficit de atención á rede viaria. Moitos viais asfaltados hai máis de 20 anos necesitan novas capas de rodadura. Hai que ver cómo ir metendo iso. Hai pistas que en terra ou grava que imos asfaltar porque dan servizo a vivendas. Son prioriarias como as que dan servizo a explotacións (de leite e horta), sea necesario capa de rodadura ou adecualas... porque o centro de producción está nas fincas e teñen que ir cargar cos camións para comercializalo. Veremos cómo conseguir no menor tempo posible o financiamento. A renovación dos estatutos do Matadoiro é un compromiso co sector que imos cumprir. Para o contacto directo entre productores e consumidores imos facer a Feira Sustentable a mediados de outono. Quixeramos que en 4 anos houbese na Praza de Abastos un número importante de postos de venta de productos producidos na Estrada: fonte de ingresos para o productor e garantía de calidade para os consumidores estradenses.Temos grandes profesionais e queremos apoialos con xornadas técnicas e cursos de valorización do monte, que pode ser unha fonte de ingresos moi estimable.

- A afinidade política coa Consellería do Medio Rural -da que é delegado provincial o estradense Gonzalo Constenla- e a súa concellería inflúe en que se disparasen os investimentos?

-O anterior equipo de goberno non solicitou nin unha soa entrevista co delegado nin lle plantexou ningunha necesidade. Medio Rural actuaba en parcelarias no exercizo das súas competencias. Agora plantexámoslle peticións da súa competencia e materialízanse. A sintonía con Medio Rural é absoluta. Antes non se plantexaban peticións e agora si. Desde que o BNG está no goberno, non ten ningunha queixa da actuación de Medio Rural.