Xosé Castro Ratón, candidato nacionalista á alcaldía de Vilagarcía, comprometeuse onte ante a directiva de Arousa Bici a crear un Plan Director da Bicicleta, como xa se ten feito noutras cidades, cunha planificación plurianual para o fomento do uso deste vehículo como alternativa de futuro.

Os membros da asociación solicitaron do nacionalista unha especial sensibilidade para "calmar o tráfico" en Vilagarcía e unha maior sensibilidade para os usuarios das bicicletas. Para iso reclaman a implantación de "zonas 30" nas que os vehículos non poderían superar esa velocidade, propiciando así a convivencia e mellorando a seguridade dos ciclistas.

Os directivos da Arousa Bici fixéronlle chegar ao candidato nacionalista un cedé que recolle consellos para o fomento do uso da bicicleta, que consideran aplicables a Vilagarcía. Pediron tamén a ampliación do actual carril bici ata Vilaxoán, a creación dun sistema de aparcamentos para bicis en puntos estratéxicos e un servicio de bicicletas de uso público.