A Asociación O Castro de Baión, en Vilanova de Arousa, prepara para o próximo domingo ás 19,30 horas un gran acto homenaxe ao historiador Xosé Lois Vila Fariña como recoñecemento á súa importante laboura na recuperación histórica e cultural da parroquia vilanovesa.

O presidente do colectivo, José Sabarís, recoñecía onte que os actos que se celebrarán no pabillón de deportes teñen como finalidade "agradecerlle a Vila Fariña o seu esforzo, tesón e vontade por elevar o nivel cultural do noso pobo". Un tesón que se iniciou alá polo 1979 cando puxo en marcha unha revista co título "O Noso Pobo" que espallou a cultura por toda a bisbarra.

Á homenaxe non faltará o propio Xosé Lois Vila Fariña, que se atopa recuperando¡ dunha grave enfermidade desde o pasado mes de setembro. A ela, ademais de todos os veciños de Baión, están convidados o presidente da Diputación, Rafael Louzán; o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, toda a corporación municipal; así como representantes de concellos limítrofes cos que o historiador colaborou dirixindo as súas historias ou escribindo as biografías dos persoeiros máis importantes. Non faltarán tampouco destacados integrantes da cultura como Gonzalo Allegue, de Amigos de Valle-Inclán, ou Víctor Viana, escritor e amigo persoal de Xosé Lois Vila Fariña.

O Castro non dubida en reivindicar a figura de Vila como "o historiador de O Salnés, algo que o vilanovés ten amosado en multitude de ocasións recollendo as máis pequenas anécdotas acontecidas en toda a comarca nos seus libros.

Cea en Cambados

A homenaxe que se lle tributará o próximo domingo en Baión non será a única que vai recibir Vila Fariña. Amigos persoais do historiador e varias asociacións celebrarán mañá unha cea homenaxe en Cambados que pretende recoñecer a súa importante laboura. A cea tamén ten un importante fin solidario con Vila Fariña. O historiador, desde a súa enfermidade, non atravesa unha boa situación económica, polo que a cea servirá para recaudar un pequeno fondo económico para destinalo ao seu coidado. Desde hai unha semana Vila Fariña vive nunha casa rehabilitada en Baión despois de permanecer seis meses nun asilo.