Cambados non faltou á súa tradicional cita do 16 de maio para render homenaxe a un dos seus veciños máis ilustres: Ramón Cabanillas. Como cada ano, os alumnos dos distintos colexios da vila déronse cita no paseo da Calzada para protagonizar distintas actuacións literarias e musicais coas que celebrar as Letras Galegas na véspera da efemérides. Nesta ocasión os escolares cambadeses centráronse na obra de María Victoria Moreno, unha estremeña namorada da terra e da lingua galegas, ademais da ofrenda floral que adicaron a Cabanillas.

No acto, organizado polo Concello, participan todos os centros educativos que o desexan (este ano só faltou un), así como a familia Cabanillas.

Sobre o escenario puxéronse de manifesto as diferentes habilidades artísticas dos rapaces, dende os máis cativos ata os de maior idade, pois estiveron na homenaxe nenos desde Educación Infantil ata os dos institutos.

Entre os máis pequenos estaban os da Pastora, de 4 e 5 anos, que se encargaron de recitar uns poemas de María Victoria Moreno. Os alumnos de sexto curso do colexio Magariños leron un capítulo de Mar Adiante, a primeira novela en lingua galega da autora, que foi publicada no 1973.

Pola súa banda, os de Corvillón tamén recitaron uns versos da profesora estremeña e os de Vilariño tocaron distintos instrumentos, como xilófonos e guitarras.

A posta en escea más numerosa foi a do colexio de San Tomé, pois 50 alumnos realizaron unha actuación con instrumentos e tamén lingua de signos.

Os rapaces de máis idade, os de Secundaria, tamén puxeron o seu gran de area nesta multitudinaria homenaxe con motivo da celebración das Letras Galegas. Así, dúas rapazas do IES Francisco Asorey (una de primeiro curso de ESO e outra de cuarto) fixeron un dúo: unha recitou e outra tocou o violín.

Logo das actuacións dos escolares, a actividade trasladouse uns metros ao monumento de Ramón Cabanillas, donde o concelleiro de Educación, Víctor Caamaño, a neta do poeta, Pitusa Cabanillas, e un alumno de Corvillón -en representación de todo o estudantado de Cambados- entregaron as súas respectivas ofrendas florais ao escritor cambadés.

Da gaita de Xaquín Xesteira, de Treixadura, sonou o himno galego e o colofón correu pola conta de Pablo Díaz, un músico para o público infantil.