Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vilanova festexa o Día das Letras Galegas coa proxección da película "Sicixia" no Multiusos

As instalacións do antigo pavillón contan cunha capacidade para máis de 1.800 espectadores

Presentación dos actos do Día das Letras Galegas en Vilanova. // Noé Parga

Proxectada por primeira vez hai dous anos, a película "Sicixia", dirixida por Ignacio Vilar, converteuse nun dos fitos máis importantes do audiovisual galego, algo que non pasou desapercibido para Concellos como Vilanova de Arousa, que presentan o filme grabado na Costa do Morte como a súa aposta para a celebración do Día das Letras Galegas, o vindeiro 17 de Maio.

O alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, e o director da película, presentaron onte esta actividade que se vai desenvolver nas instalacións do Multiusos a partires das 19.00 horas do día 17. Na presentación do acto, Gonzalo Durán lembrou unhas palabras que lle dixo o fillo de Ramón María del Valle-Inclán nas que lle dicía que "a mellor maneira de homenaxear a meu pai é representando a súa obra, pois así ocorre co galego, a mellor maneira de homenaxear á nosa lingua e dando a coñecer un traballo como 'Sicixia', feito en Galicia e onde se contan cousas positivas da nosa terra, como a nosa cultura e a nosa forma de ser, nada que ver con series que só queren ver fariña".

Nacho Vilar destacou os vencellos que o filme mantén coa ría de Arousa, xa que, pese a estar feito case integramente na Costa da Morte "tanto o principio como o final, onde se ve o fondo do mar, foron grabados en augas desta ría para aproveitar a visión das algas mariñas". Vilar destacou que o filme servíu para visibilizar o traballo dun audiovisual galego onde existe moita calidade, xa que "moi pronto se converteu nun éxito, con proxeccións en diferentes partes do mundo e converténdose nunha das películas que máis tempo se manteu na carteleira en toda España". O director tamén agradeceu a posibilidad de proxectar a película en Vilanova, na terra de Valle-Inclán, "escritor que considero un dos meus mestres e do que sempre tiven a teima de levar ao cine unha das súas 'Comedias Bárbaras', o guión xa o teño, agora tan só falta levala a cabo". Durán tamén animou a toda a comarca a achegarse a Vilanova a ver esta película o vindeiro día 17, sobre todo porque "o Multiusos ten unha capacidade para máis de 1.800 persoas, o que o pode convertir na sá de cine máis grande de Galicia".

Compartir el artículo

stats