Emma Torres, a concelleira socialista que no goberno do Grove se encarga do eido cultural, presenta un programa de actividades por mor da festa das Letras Galegas que chega cargado de acontecementos.

Neste Mes das Letras o Concello vai celebrar contacontos e engade no programa o ciclo de Cinemas de Galicia. Tamén a tradicional Festa do Día das Letras Galegas, que este ano se traslada á rúa Castelao, onde os libreiros locais van facer unha venda especial de obra en galego. "Tamén contaremos ese día co talento local de Xarope Tulú, que a partires das 11.30 horas entreterá aos mais cativos cos seus contacontos, antes de que comece o 'I Recital Poético das Letras Galegas' que organiza a sección de poesía da Asociación Cultural Enxebre".

Ao seu remate, engade Emma Torres, "será a agrupación Paradanda-Mecos a que poña música galega a esta festa, e xa pola tarde a agrupación Cantodorxo celebrará na Praza do Corgo a 'VIII Festa das Letras', con xogos e actividades para os pequenos".

No tocante a outras actividades proxectadas, a concelleira fai fincapé nun contacontos "sobre a vida e obra da homenaxeada este ano nas Letras, María Victoria Moreno, a cargo de 'Polo Correo do Vento', o 18 de maio ás 18.00 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey".

Tamén haberá música en galego coa cantante Sonia Lebedynski, que actuará o día 26 na rúa Castelao, e coa Coral da Confraría de Pescadores de San Martiño do Grove, que vai ofrecer o seu tradicional Concerto das Letras ao día seguinte, na Casa da Cultura. Ademáis haberá un mercado solidario e unha mostra de creadores.